— Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia o Goberno galego realizará unha achega económica anual de case 285.000 euros para financiar a fabricación e a entrega destes dispositivos para 2025
— A Xunta facilitaralle ao organismo nacional a información que debe conter a memoria das tarxetas respecto das empresas, talleres ou condutores
— O obxectivo é ofrecer un mecanismo áxil ao sector do transporte para a expedición de documentación esencial para o desenvolvemento da súa actividade, e con validez en toda Europa
— O certificado de aptitude profesional acredita que un condutor superou un período de formación e os exames correspondente
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a prórroga do convenio entre a Xunta e a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre – Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) para a subministración de tarxetas de tacógrafo dixital e do certificado de aptitude profesional (CAP), de cualificación de condutores para 2025. O prazo de vixencia do acordo abarcaba de xaneiro de 2021 a decembro de 2024 pero coa posibilidade de prórroga por catro anos adicionais, polo que se acordou estender os seus efectos ao vindeiro exercicio.
A Xunta realizará unha achega económica anual de case 285.000 euros para financiar a fabricación e a entrega destes dispositivos. No marco desta colaboración, o Goberno galego facilítalle ao citado organismo nacional a información que debe conter a memoria das tarxetas respecto das empresas, talleres, controladores e condutores afectados. Pola súa parte, a FNMT encargarase da súa fabricación e personación, así como distribución directamente ás persoas interesadas.
Esta prórroga dá continuidade á liña de colaboración que veñen mantendo a Xunta e a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre mediante o convenio de encomenda de xestión asinado en decembro de 2020.
O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana puxo á disposición das comunidades autónomas unha aplicación informática, interconectada coa rede da Unión Europea Tachonet, que centraliza todas as peticións de obtención de tarxetas de tacógrafo en España.
Esta aplicación facilita a xestión da emisión das tarxetas de tacógrafo, esenciais para o desenvolvemento das actividades de transporte por estrada, tanto de mercadorías como de viaxeiros, facilitando o seguimento das tarxetas emitidas, válidas en toda Europa, así como a encarga da súa fabricación personalizada á Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, que é a entidade autorizada en España para esta produción.
Xunto coas tarxetas de tacógrafo dixital, as tarxetas CAP tamén contribúen a profesionalizar o sector ao esixir unha formación obrigatoria previa ao inicio da actividade para aqueles que queiran desenvolver a profesión de condutor profesional. Unha vez superada a formación e os exames correspondentes permitirá a obtención do certificado de aptitude profesional (CAP) expedido polos órganos autonómicos competentes para o outorgamento de autorizacións para a realización do transporte público discrecional de viaxeiros e mercadorías por estrada. Esta formación, así como as correspondentes tarxetas, debe ser renovada cada cinco anos, o que garante que os profesionais do sector se adapten de forma constante á evolución desta actividade.