Home A Coruña A Ría da Estrela presenta en FITUR un novo concepto de ruta...

A Ría da Estrela presenta en FITUR un novo concepto de ruta xacobea: o camiño marítimo a Compostela a través da Ría de Muros Noia

- Anuncio -

Santiago Freira destaca que esta ruta “recupera a tradición da Ría de Muros Noia como Portus Apostoli” e “pon en valor un destino que permite obter a Compostela e que é unha referencia espiritual, patrimonial, paisaxística e gastronómica”

Mañá venres terá lugar a presentación da “Volta de Gloria”, o primeiro itinerario cultural e paisaxístico circular baseado en 2 rutas xacobeas: o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia

A Ría da Estrela presentou en FITUR o primeiro catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría de Muros Noia. Un acto presidido por Santiago Freire Abeijón, presidente da Ría da Estrela, quen estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; representantes dos tres operadores que apostan polo camiño marítimo a Santiago: Laura Moya, xerente de Sailway; Pablo Fernández, secretario de ASNAUGA (Asociación de Náuticos de Galicia) e Alechu Retolaza, vicepresidente do Monte Real Club de Yates de Baiona; e representantes políticos ca como Luís Oujo, alcalde de Porto do Son; Blas García, alcalde de Ames; María Lago, alcaldesa de Muros; e Caridad González e José Pérez, concelleiros de Turismo de Muros e de Noia.

Unha presentación que serviu para dar a coñecer no certame internacional de turismo máis importante, por volume de participantes e asistentes, que “xa existe un produto turístico, o Camiño Marítimo a través da Ría de Muros Noia, onde reservar barcos ou camarotes para desfrutar de unha experiencia absolutamente única nunha das zonas máis espectaculares a nivel mundial”, apuntou José Antonio Marcote, responsable de comunicación da Ría da Estrela. De feito, insistiu en que “estamos creando un novo produto turístico que desborda o ámbito da nosa Ría, estamos creando un novo concepto de xacobeo: facer o camiño polo mar, desfrutar dese mar. Como dicimos nós: o Camiño está no mar e dende hoxe é unha realidade”. Toda a información e as contratacións poden realizarse dende www.caminomaritimo.gal, www.caminomaritimo.es e www.caminomaritimo.com.

Un punto no que incidiu Santiago Freire, quen sinalou que este novo produto turístico “recupera tradición e modernidade. Tradición porque recolle a tradición da Ría de Muros Noia como o porto de Compostela, o Portus Apostoli, ata onde desde a Idade Media os peregrinos chegaban a Noia para seguir o seu camiño ata Santiago. Con este produto turístico estamos recuperando esas peregrinacións marítimas”. Ademais, o presidente da Ría da Estrela salientou que “con este formato poñemos en valor un destino turístico que permite aos navegantes obter a Compostela e que é unha referencia espiritual, patrimonial, paisaxística e gastronómica”.

Catálogo comercial

O catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría de Muros Noia ofrece unha maneira diferente de facer o Camiño de Santiago nestes tempos, pero que durante séculos foi a máis utilizada tanto por peregrinos do norte de Europa como dos países mediterráneos: navegando. Está amparada pola Oficina do Peregrino, polo que basta con completar 90 millas náuticas en veleiro, selar a credencial do peregrino nos portos que marque a ruta e realizar a pé cando menos os 12 últimos quilómetros (entre Bertamiráns e Santiago) para obter a Compostela. Así, o presentaron hoxe os colaboradores da Ría da Estrela neste catálogo de peregrinacións marítimas: a navieira Sailway, a Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (ASNAUGA) e o Monte Real Club de Yates de Baiona.

Alechu Retolaza presentou a V Ruta Rías Baixas Camiño de Santiago Ría Muros Noia, que terá lugar do 30 de xuño ao 5 de xullo de 2025 froito da colaboración entre o Monte Real Club de Yates de Baiona e o Real Club Náutico de Portosín. Nela, 30 embarcacións a vela poderán selar a súa credencial de peregrino en cada un dos portos que se inclúen no percorrido e conseguir a Compostela. O trazado parte de Baiona e culmina en Santiago, pasando por algúns dos puntos máis icónicos das Rías Baixas como son as illas Cíes, Aldán, Combarro, a illa de Ons, Portonovo ou a Ría de Arousa, con escalas tamén na Pobra do Caramiñal, Muros ou Portosín. Cada un dos portos será escenario de distintas actividades culturais e gastronómicas. “Levamos xa 5 anos e é unha ruta que cada día ten máis xente”, recoñece Retolaza, “pero non é bo pasar das 30 embarcacións”, para poder manter unha atención de calidade aos viaxeiros, polo que xa adianta que “nos planteamos facer unha segunda ruta este mesmo 2025”.

Pola súa banda, Laura Moya destacou que “o mar é fonte de inspiración, tradición e saúde. Por iso creamos un produto baseado na tradición e en promover a saúde deportiva: o camiño marítimo a Santiago, unha experiencia única na que lle ofrecemos ao peregrino a posibilidade de facer o camiño por mar en grupo ou co seu barco particular”. Así mesmo, animou aos presentes a probar esta experiencia xa que “o mar enamora e engancha. Hai un antes e despois deste camiño marítimo, que estou segura de que deixará pegada” nas persoas que o realicen.

Finalmente, Pablo Fernández, secretario de ASNAUGA e presidente do Club Náutico de Ribadeo, animou aos presentes “a desfrutar dunha experiencia única que une unha navegación a vela co Camiño”. Así, explicou que hai dúas posibilidades: o Roteiro Sur, que ten unha duración de entre 3 e 4 días polos clubs náuticos de Baiona, Vigo, Rodeira, Sanxenxo, Portonovo, Ribeira e Portosín; e o Roteiro Norte, de entre 4 e 6 días, con saída en Ribadeo e visitas aos clubs náuticos de Ares, Sada, A Coruña e Portosín.

Pechou o acto Belén do Campo, quen subliñou que “o Camiño Marítimo da Ría de Muros-Noia non é só un roteiro de peregrinación; senón que tamén se está convertendo nun alicerce para que a comarca aproveite o seu potencial cultural, natural e económico, consolidándose como un destino crave no contexto do turismo xacobeo”. A delegada territorial animou a todos “a seguir sumando forzas para que este roteiro continúe sendo un símbolo de unión, de historia e de esperanza. Sodes un exemplo a seguir”.

Volta de Gloria

Mañá venres 24 de xaneiro, ás 14:30 horas, terá lugar a presentación de Volta de Gloria. Un acto dirixido aos medios de comunicación que terá lugar no stand de RV Edipress no pavillón 9 de FITUR, a carón do stand de Galicia. A presentación correrá a cargo de Santiago Freire Abeijón, que estará acompañado polas alcaldesas de Cee, Margarita Lamela, e Muros, María Lago; e os alcaldes de Carnota, Juan Manuel Saborido, e de Dumbría, Raúl González, xunto a Antón Pombo, experto nos Camiños de Santiago.

A Volta de Gloria é un itinerario turístico, paisaxístico e cultural entre Cee e Muros, sinalizado grazas á financiación do GALP Costa Sostible. Ten a peculiaridade de ser o primeiro itinerario que vincula dúas rutas xacobeas, como son o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia, e tamén de conformar o primeiro itinerario circular con saída e chegada en Santiago de Compostela. Un percorrido que utiliza tramos da futura senda litoral e que discorre por impresionantes monumentos naturais, entre os que figuran dous dos montes máis míticos de Galicia: o Monte Pindo, coñecido como o “Olimpo Celta”, e o Monte Louro, que conforma un espectacular conxunto natural coa lagoa das Xalfas e a praia de Area Maior.

Canda eles figuran moitos atractivos turísticos como a fervenza do Ézaro en Dumbría, a única de Europa que verte directamente ao mar; a praia máis longa de Galicia, emprazada en Carnota canda algúns dos hórreos máis grandes da comunidade ou a Caseta de Pepe do Cuco, o primeiro museo automatizado de Galicia con acceso libre 24 horas ao día todos os días do ano que recolle a historia mariñeira; ademais de numerosas pegadas arqueolóxicas (petróglifos, mámoas, castros), paisaxes espectaculares e enclaves singulares.

Relacionadas

O Concello de San Sadurniño negocia en Madrid apoio económico para novas actuacións no...

0
O alcalde de San Sadurniño e máis a concelleira de Cultura participan estes días en FITUR nas actividades promocionais do Xeoparque de Cabo Ortegal...

Belén do Campo presenta en Fitur o Camiño Marítimo da Ría de Muros-Noia como...

0
A delegada territorial da Xunta participou na presentación de El Camino Marítimo de la Ría de Muros Noia, organizada polo xeodestino ría de Muros...

Ribeira estivo representada no pleno da rede Innpulso o pasado martes en Madrid

0
O segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta está en Madrid asistindo a Fitur como concelleiro de Turismo e o pasado martes como concelleiro de...

García Seoane traslada aos veciños de Oleiros o custo das fugas de auga que...

0
Boa parte das perdas de auga teñen como orixe a negativa do alcalde para actualizar unha rede de saneamento municipal obsoleta É un secreto a...

O Goberno municipal elevará ao Pleno ordinario a súa proposta para destinar os fondos...

0
A maior parte serían para o financiamento do gasto corrente e quedarían definidos, tamén, os proxectos de investimento a executar a través do POS+...

A alcaldesa presenta Compostela en Fitur como un destino para “desacelerar e conectar”

0
A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, presentou o vídeo da campaña “Compostela con Tempo. Santiago con todo”, co que comeza unha campaña na que...

Publicacións Relacionadas