Home A Coruña O Concello de San Sadurniño negocia en Madrid apoio económico para novas...

O Concello de San Sadurniño negocia en Madrid apoio económico para novas actuacións no castelo de Naraío e na parte municipal do convento do Rosario

- Anuncio -

O alcalde de San Sadurniño e máis a concelleira de Cultura participan estes días en FITUR nas actividades promocionais do Xeoparque de Cabo Ortegal e noutros eventos que ofrece a feira, auténtico escaparate das tendencias e as estratexias aplicadas ao turismo. Porén, Secundino García Casal e Araceli Bellas Castro tamén aproveitaron a estadía en Madrid para manter xuntanzas coa Casa de Alba e con responsables de patrimonio do Ministerio de Cultura, no primeiro caso para renovar a cesión do castelo de Naraío e no segundo para xestionar fondos do 2% Cultural de cara ao 2025, co obxectivo de acometer novas actuacións de consolidación e investigación no castelo e de reparar a ala norte do convento do Rosario, que acubilla a Casa da Xuventude e as dependencias da Garda Civil. O investimento necesario para ambas intervencións estímase en 1 millón de euros.

Durante a mañá, Secundino García e Araceli Bellas mantiveron un encontro con Emilio Ramírez, un dos avogados da Fundación Casa de Alba, de cara a negociar a prórroga do actual convenio de cesión do castelo de Naraío, asinado en 2005 por un período de 30 anos.

Malia que aínda faltan cinco anos para que o acordo expire, a intención do Concello é prorrogalo xa mesmo e por un tempo maior, coa finalidade de poder concorrer as axudas do 2% Cultural para patrimonio que convoca o Ministerio de Cultura “ou a outras liñas económicas que esixen prazos maiores que os cinco anos que temos aínda de marxe”, explica Secundino García.

Para poder acollerse ao 2% Cultural, o Estado esixe que os convenios de cesión dos bens sexan de polo menos 50 anos. Segundo o alcalde, a Casa de Alba estaría disposta á ampliación: “na conversa que mantivemos hoxe, o avogado da fundación comentounos que en principio non ía haber ningún problema e convidounos a que llelo solicitásemos formalmente para poder preparar a documentación e asinar un novo acordo de maior duración”.

Á procura de financiamento
Ademais de falar da prórroga da cesión, Secundino García e Araceli Bellas tamén lle avanzaron a Ramírez as actuacións que se pretenden levar a cabo nunha nova fase de consolidación e posta en valor da fortaleza medieval. Sería a cuarta intervención de calado no castelo e estaría centrada, principalmente, na retirada de entullos das fachadas norte e leste da torre e na consolidación dos muros que quedaron pendentes da fase desenvolvida entre 2019 e 2020.

Tamén se contempla a roza e retirada de sedimentos do penedo que sostén todo o conxunto, o descubrimento de estruturas aínda soterradas e outros traballos que saquen á luz a verdadeira dimensión arquitectónica do castelo de Naraío.

O proxecto completaríase coa ampliación das sendas, con paneis interpretativos e coa musealización de vestixios encontrados en escavacións arqueolóxicas anteriores e naquelas que se leven a cabo nesta cuarta fase. Mesmo se quere publicar material divulgativo sobre o monumento e dotalo dunha iluminacion que enfatice a súa espectacularidade, como principal elemento histórico do límite sur do Xeoparque do Cabo Ortegal.

A memoria valorada da posta en valor do castelo estima que fará falla un investimento duns 500.000 euros, que o Concello agarda poder financiar a traves da convocatoria 2025 do programa ministerial do 2% Cultural.

A cuestión centrou outra xuntanza mantida pola tarde por Secundino Garcia e Araceli Bellas con Carmen Cabrera Lucio-Villegas, subdirectora de Xestión de Bens culturais na Direccion Xeral de Patrimonio e Belas Artes, con quen tamén abordaron a reparación da ala norte do convento do Rosario, que alberga a Casa da Xuventude e o posto da Garda Civil.

A parte propiedade do bispado -a igrexa de Santa María a Maior, o claustro, a metade da ala norte e toda a ala oeste- foi obxecto de varias obras de mellora na última década, mentres que a outra metade do conxunto, de titularidade municipal, foi acondicionada unicamente no interior e, aínda con iso, segue padecendo filtracións, humidades e unha nula eficiencia enerxéitca.

Por este motivo, o Concello quere renovarlle a cuberta e a envolvente -respectando o valor histórico do edificio-, mellorar o illamento, instalar novos sistemas de ventilación e de calefacción por aerotermia, cambiar os ventanais e aproveitar para soterrar os cables da fachada e mellorar a accesibilidade das beirarrúas.

A memoria valorada que se lle presentou hoxe á tarde á subdirectora de Xestión de Bens culturais está cuantificada tamén en 500.000 euros. Tanto este proxecto como o do castelo serían susceptibles de obter financiamento estatal “a través do 2% Cultural de próxima convocatoria ou doutras que se están abrindo para patrimonio histórico, algunhas delas con achegas dos fondos Next Generation”, explica Secundino García. O alcalde cualificou o encontro con Carmen Cabrera como “moi produtivo”, dado que a subdirectora xeral “interesouse polas propostas e comprometeuse a irnos avanzando posibles liñas financieiras estatais nas que poidan ter encaixe”, apunta o rexedor.

Relacionadas

A Ría da Estrela presenta en FITUR un novo concepto de ruta xacobea: o...

0
Santiago Freira destaca que esta ruta “recupera a tradición da Ría de Muros Noia como Portus Apostoli” e “pon en valor un destino que...

Belén do Campo presenta en Fitur o Camiño Marítimo da Ría de Muros-Noia como...

0
A delegada territorial da Xunta participou na presentación de El Camino Marítimo de la Ría de Muros Noia, organizada polo xeodestino ría de Muros...

Ribeira estivo representada no pleno da rede Innpulso o pasado martes en Madrid

0
O segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta está en Madrid asistindo a Fitur como concelleiro de Turismo e o pasado martes como concelleiro de...

García Seoane traslada aos veciños de Oleiros o custo das fugas de auga que...

0
Boa parte das perdas de auga teñen como orixe a negativa do alcalde para actualizar unha rede de saneamento municipal obsoleta É un secreto a...

O Goberno municipal elevará ao Pleno ordinario a súa proposta para destinar os fondos...

0
A maior parte serían para o financiamento do gasto corrente e quedarían definidos, tamén, os proxectos de investimento a executar a través do POS+...

A alcaldesa presenta Compostela en Fitur como un destino para “desacelerar e conectar”

0
A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, presentou o vídeo da campaña “Compostela con Tempo. Santiago con todo”, co que comeza unha campaña na que...

Publicacións Relacionadas