— O Goberno galego destina a esta iniciativa máis de 360.400 euros coa finalidade de impartir máis de 70 accións formativas de curta duración deseñadas e impartidas polo Ceaga sobre materias relacionadas co sector da automoción
— Na xuntanza púxose de relevo a necesidade de ofrecer unha formación á carta do tecido produtivo para favorecer a competitividade do tecido produtivo e atender a retos globais como a cobertura de vacantes
— A colaboración con Ceaga é unha das que o Executivo autonómico mantén con cluster e entidades clave para o desenvolvemento económico da comunidade e a elas destina en total uns 7,5 M€ co fin de formar máis de 17.000 galegos e galegas
— Esta é unha das medidas do Executivo a prol da formación á carta das empresas, tanto de persoas traballadoras como desempregadas, e a ela súmanse outras como as achegas ás unidades formativas en empresas que se lanzarán nos vindeiros días
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, mantivo hoxe en Vigo unha xuntanza con representantes do Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga) na que analizaron distintas vías de colaboración para a cualificación e reciclaxe de persoas desempregadas e ocupadas cunha formación flexible e adaptada ás necesidades deste sector clave no desenvolvemento socioeconómico de Galicia.
Neste ámbito, o Goberno galego colabora con este e outros cluster e entidades de sectores estratéxicos no desenvolvemento de cursos curtos e de carácter práctico co obxectivo de mellorar a cualificación profesional en eidos como a automoción, entre outros.
En concreto, á colaboración deste ano con este cluster destina máis de 360.400 euros para formar a máis dun milleiro de persoas a través de máis de 70 accións formativas deseñadas e impartidas pola propia entidade, o que incrementa a súa eficacia. Súmanse ás preto de 4.200 persoas que participaron nestas accións froito da colaboración con este cluster desde 2022.
Neste sentido, na reunión púxose de relevo a necesidade de ofrecer unha formación á carta do tecido produtivo para responder ao que exixe a constante transformación do mercado laboral, favorecer a súa competitividade e, ao mesmo tempo, dar resposta a retos globais como a cobertura de vacantes.
Un obxectivo que perseguen as colaboracións que a Xunta mantén con entidades como o Ceaga e outras relacionadas co naval, o metal, as enerxías renovables, a construción, a loxística, as TIC, o comercio e a perruquería e estética. Nelas, en total, o Executivo autonómico investirá arredor de 7,5 M€ para cualificar máis de 17.000 galegos e galegas nestes sectores.
Estas accións formativas estarán vinculadas ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, o que permitirá aos participantes acceder a procesos de acreditación e obter certificados de profesionalidade, aumentando así a súa empregabilidade. Desde 2022 xa participaron nestas accións, nas que Galicia é pioneira en España, máis de 40.000 traballadores e traballadoras.
Pulo á cualificación profesional adaptada ao mercado
Esta iniciativa enmárcase na batería integral de medidas da Xunta a prol da formación flexible a demanda do tecido produtivo, tanto de persoas traballadoras como desempregadas. Trátase dun eixo estrutural do Goberno autonómico na súa política de emprego e concorda co sistema de microcredenciais polo que avoga Europa para fomentar máis e mellor emprego de calidade, así como para dar resposta a grandes retos como a adecuación da oferta e da demanda no mercado laboral.
A ela súmanse outros apoios como as achegas ás unidades formativas en empresas dos que se ten beneficiado o sector da automoción. Á convocatoria deste ano, que se lanzará nos vindeiros días, o Goberno galego destina 8 M€ co fin de levar ás empresas formacións flexibles e á demanda das súas necesidades reais e das súas perspectivas de crecemento, promovendo en paralelo novas oportunidades laborais para as persoas sen traballo.