COGAMI comezou nas instalacións que ten en Vigo (rúa Teixugueiras, nº 25, baixo) un curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais. Cunha duración que se estenderá ata o 4 de xuño, esta formación contará cun total de 448 horas de formación, das cales 40 serán de prácticas en empresa.
Enmarcada no Plan Formativo para o Emprego que cofinancian a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, esta formación vai dirixida a persoas desempregadas e que teñen recoñecido o grao de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual. Participan un total de 15 alumnos e alumnas, 10 mulleres e 5 homes, cunha franxa de idades comprendida entre os 33 e os 58 anos, procedentes dos concellos de Vigo, Tui, A Guarda e Baiona.
A formación inclúe os seguintes módulos: Técnicas Administrativas Básicas de Oficina, Operacións Básicas de Comunicación, Reprodución e Arquivo e Módulos transversais de inserción laboral e igualdade.
Con esta iniciativa, COGAMI busca mellorar a empregabilidade das persoas que forman parte da bolsa de emprego e facilitarlles o acceso ao mercado laboral a través dunha preparación técnica e transversal adaptada ás esixencias actuais do sector.