Tino Iglesias critica a falta do Prego de Prescricións Técnicas, irregularidades no seguro de responsabilidade civil e outros incumprimentos que poden comprometer a legalidade e a equidade do proceso, instando ao Concello de Marín a revisar a documentación
O Concello de Marín publicou recentemente na plataforma de contratos do sector público as bases de licitación para a explotación do local hostaleiro situado na punta do Paseo Alcalde Blanco. Con todo, o concelleiro do BNG, Tino Iglesias, detectou unha serie de erros importantes na documentación presentada, polo que insta á administración local a realizar unha revisión exhaustiva e a introducir as modificacións necesarias para garantir un proceso transparente, rigoroso e axustado á normativa vixente.
Entre os principais erros identificados destacan os seguintes:
- Ausencia do Prego de Prescricións Técnicas no expediente: Este documento é esencial para detallar as condicións técnicas e operativas que deben rexer a licitación, polo que a súa falta supón unha carencia grave no procedemento administrativo.
- Incumprimento da normativa autonómica sobre o seguro de responsabilidade civil: No Prego de Cláusulas Administrativas Particulares, que aparece duplicado no expediente, establécese en varios apartados unha contía mínima para o seguro de responsabilidade civil fixada en 60.000 euros. Porén, esta cifra non se axusta ao establecido no artigo 8.2 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, nin ao artigo 8.1.e) do Decreto 226/2022, do 22 de decembro.
O concelleiro do BNG subliña que, segundo a normativa vixente, o capital asegurado debe estar vinculado ao aforo máximo do establecemento, tanto no interior como na terraza, e non pode ser inferior a 300.000 euros. Ademais, o seguro debe cubrir a responsabilidade civil directa, solidaria ou subsidiaria das persoas titulares dos establecementos, garantindo a cobertura de danos persoais e materiais, así como os prexuízos causados a terceiras persoas e aos seus bens, derivados da explotación do establecemento ou da realización das actividades recreativas.
Diante destas irregularidades, Tino Iglesias insta á alcaldía a proceder coa corrección inmediata dos erros detectados. “É fundamental que este proceso de licitación se leve a cabo de maneira seria, rigorosa e transparente, asegurando o cumprimento estrito da normativa autonómica e estatal. Só así se poderá garantir un procedemento xusto e seguro para todas as partes implicadas”, afirmou o concelleiro.
Desde o BNG insisten en que estas modificacións son imprescindibles para evitar posibles impugnacións e para asegurar que a licitación se desenvolva coas máximas garantías legais e de transparencia.