O presidente da Deputación presenta en Madrid a campaña de promoción turística “Cando Volves?” do destino Rías Baixas nun acto ao que asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; membros do goberno provincial e alcaldes da provincia
“Rías Baixas é a viaxe que nunca remata. A actividade no interior non pausa cando termina o verán, logo chega a vendima, despois o magosto, o Nadal, o Entroido, florece a camelia… Sempre hai boas razóns para volver”, relata o presidente López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta en Fitur, a feira internacional de turismo que se celebra en Madrid, a campaña de promoción do destino turístico Rías Baixas. Unha campaña que leva por lema “Cando Volves?” e que pon o foco no interior da provincia. “Partimos do convencemento de que o río, o val ou o cocido son tan Rías Baixas como a ría, a illa ou a batea. Todo forma parte desta provincia extraordinaria e merece ser atendido en igual proporción. Algo que xa figura na nosa folla de ruta para o turismo, que é a Estratexia Rías Baixas Turismo 61, que inclúe aos 61 concellos da provincia”, explicou o mandatario provincial o sentido dunha presentación á que asistiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, así como outros membros do goberno provincial, rexedores de distintos concellos da provincia e representantes do sector turístico.
Nun acto celebrado no stand de Turismo de Galicia e dirixido pola xornalista Noa García e o presidente Luis López, comezou a presentación coa proxección da peza promocional da campaña “Cando Volves?”. Unha obra audiovisual na que os lugares do interior da provincia teñen todo o protagonismo. “Esta campaña tamén fala da nosa hospitalidade, do carácter acolledor da nosa xente. Refírese a ese turismo recorrente de quen se sinte un veciño máis. Con todo, aínda queda moito da provincia por descubrir e queremos convidar á xente a facelo en diferentes ocasións ao longo de todo o ano”, sinalou o presidente salientando un dos obxectivos que persegue a estratexia turística da Deputación, que é a desestacionalización do destino. E os argumentos para acadalo son variados. “Rías Baixas é a viaxe que nunca remata. A actividade no interior das Rías Baixas non pausa cando termina o verán. Chega a vendima, despois o magosto, o Nadal, o Entroido, logo florece a camelia, temos os nosos castelos, un enoturismo e un turismo deportivo espectaculares; e a nosa gastronomía acompaña eses cambios de estacións. Agora é época dun cocido en Lalín, pronto chegará a lamprea… Sempre hai boas razóns para volver”, enumerou Luis López unha longa lista de atractivos que identifican o interior da provincia para dar paso á segunda peza audiovisual da campaña, centrada en experiencias 100 % interior das Rías Baixas.
Destino líder
Uns atractivos propios da provincia de Pontevedra que están a facer das Rías Baixas un destino líder. A provincia de Pontevedra acapara xa un terzo dos visitantes que chegan a Galicia, é o destino favorito da España verde que compoñen País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia e está a chamar a atención dun turismo internacional que no pasado verán medrou nun 25 %. “Rías Baixas é un destino consolidado, que este ano presentou uns datos inmellorables de liderado. Se preguntamos aquí mesmo, en IFEMA, comprobaremos que moitas persoas de todo o país xa nos visitaron e que unha boa parte delas está deseando volver”, asegurou o dirixente provincial.
Experiencias 100 % interior Rías Baixas
Este acto en Fitur serviu tamén para introducir unha serie documental que se estrará nas canles de Turismo Rías Baixas e que terán como obxectivo amosar as infinitas posibilidades que ofrece o interior da provincia, desde escapadas para observación de estrelas, ata termalismo, pasando por observación de aves, turismo activo e de aventura ou interpretación de petróglifos. “O abano de posibilidades é inagotable”, remarca López.
A presentación da campaña de Turismo Rías Baixas en Fitur rematou desvelando o emblema da campaña, un produto tradicional do interior da provincia e sinónimo de calidade, artesanía e innovación. Unha cunca conmemorativa elaborada no taller da artesana viguesa Olalla Lojo. “A cunca é tradición, transpórtanos ás Rías Baixas de onte, pero nun hoxe sustentable e coidado”, expuxo o presidente antes de ofrecer un terceiro vídeo, neste caso sobre a elaboración destas cuncas e o seu simbolismo.
Despois de amosar o seu agradecemento pola expectación que motivou a presentación da campaña turística das Rías Baixas, Luis López pechou o acto lanzando unha cuestión ao aire. “Quen vén repite, quen proba, quere quedar e quen viaxa, sinte a forza do noso interior. Así que só queda preguntar, cando volves?”, rematou o presidente da Deputación de Pontevedra.