– O Concello de Redondela xa conta co proxecto de execución para o novo paseo do litoral de Cesantes que unirá o peirao coa praia da Punta. O municipio gaña un novo espazo para a cidadanía “ao tempo que protexemos un área natural de gran valor ecolóxico”, sinala a alcaldesa Digna Rivas.
-A alcaldesa presentou o proxecto na Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Transición Ecolóxica na súa visita a Madrid. “A resposta do Ministerio foi moi positiva, xa que o proxecto está na liña da súa estratexia para o futuro do litoral, cunha proposta sostible a nivel ambiental”.
O Concello de Redondela xa ten no seu poder o proxecto de execución do futuro paseo polo litoral de Cesantes elaborado polo estudo Naos Arquitectura. A actuación supón unir cun paseo o porto de Cesantes coa praia da Punta, co que se creará un novo espazo de lecer para a veciñanza de case 4.000 metros cadrados.
A alcaldesa, Digna Rivas, co gallo da súa visita a Madrid para a feira de Turismo, mantivo o xoves unha xuntanza de traballo no Ministerio para a Transición Ecolóxica. A resposta da Directora Xeral de Costas, Ana María Oñoro, foi moi positiva xa que este proxecto do paseo de Cesantes “está na liña da estratexia do Ministerio para o futuro do litoral, cunha proposta sostible a nivel ambiental”, afirma Rivas.
Con esta actuación Redondela gañará un novo espazo para a cidadanía, “ao tempo que protexemos a paisaxe e melloramos este entorno natural que ten un gran valor ecolóxico”. O paseo polo litoral permitirá á veciñanza desprazarse camiñando ou en bicicleta desde o centro da vila até a praia da Punta. A rexedora lembra que se trata dunha das súas “apostas persoais” para este mandato, e avanza que nos vindeiros días manterá reunións de traballo coa dirección de Costas do Estado en Pontevedra “para seguir avanzando neste proxecto” que, segundo avanza Rivas, está cada vez “máis cerca de facerse realidade”.
Unha senda que mellora a mobilidade e protexe o litoral ante o cambio climático
O obxecto da actuación é acondicionar o tramo que discorre xunto á praia de Cesantes para habilitar “un espazo dinámico” e fomentar unha vida “saudable” a través dunha senda. O paseo que terá o seu percorrido paralelo ao mar. Os veciños poderán gozar dun paseo por un medio natural afastado do tráfico con espazos para o deporte.
Coa creación do paseo tamén se resolverá o problema que presentan aqueles noiros que, coas mareas, sofren pequenas caídas de terreo que supoñen un perigo no transfondo da praia. Tamén se preparará este tramo do litoral ante futuros episodios de subidas do nivel do mar.
A senda será de xabre cemento, con tramos de madeira, pedra e formigón pulido. O paseo contará con zonas de descanso ao longo do percorrido. Ao longo do percorrido plantaranse diferentes especies vexetais autóctonas axeitadas para a climatoloxía marítima (moreiras, figueiras, bidueiros, etc.). Nos noiros faranse xardíns que estabilicen o terreo.