Home Xunta de Galicia A Xunta amplía a alerta vermella por temporal costeiro mañá ao suroeste...

A Xunta amplía a alerta vermella por temporal costeiro mañá ao suroeste da Coruña e ao litoral de Pontevedra

- Anuncio -

― O aviso vermello xa estaba activo para a última hora desta tarde no noroeste e o oeste da provincia da Coruña


― Continúa activa durante a xornada de hoxe a alerta laranxa na Mariña lucense por ventos de 100 quilómetros por hora, que se estendeu ao oeste e ao interior da provincia coruñesa


― En toda a provincia de Pontevedra e en áreas da Coruña e Ourense o nivel de aviso é laranxa hoxe por fortes chuvias


― Mantense hoxe a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade en 15 concellos da Mariña lucense, en 60 municipios da Coruña, 33 de Pontevedra e 19 de Ourense, ademais de cancelarse tanto hoxe como mañá a actividade deportiva federada no mar en toda Galicia


― Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal)

A Xunta vén de ampliar a alerta vermella por temporal costeiro para mañá ao suroeste da Coruña e ao litoral da provincia de Pontevedra, que xa se activara para esta tarde no noroeste e oeste da costa coruñesa e que continuará na xornada de mañá.

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta vermella estará activa desde esta tarde no noroeste e oeste da Coruña por mar combinada con ondas de ata 12 metros e prolongándose ata primeiras horas do martes, 28 de xaneiro, mentres que no suroeste da Coruña e o litoral de Pontevedra prevese que o temporal costeiro de nivel vermello comece no mediodía de mañá estendéndose tamén ata o martes por mar combinada con ondas de ata 10 metros. Estas zonas permanecerán ata mañá ao mediodía en alerta laranxa e desde ese momento pasarán a vermella e quedará só en nivel laranxa a Mariña lucense por ventos de forza 8 e mar combinada do oeste-noroeste con ondas de ata sete metros.

Cómpre lembrar que na xornada de hoxe mantense activa a alerta laranxa por rachas de ventos de 100 quilómetros por hora de sur-suroeste na Mariña lucense e no noroeste da Coruña, que tamén se estendeu ao oeste e ao interior da provincia coruñesa.

O nivel de aviso tamén é laranxa nesta xornada no interior e suroeste da Coruña; no noroeste, sur e na zona de montaña de Ourense; e en toda a provincia de Pontevedra por precipitacións acumuladas de 80 milímetros en 12 horas que poden acadar os 100 litros en 24 horas.

Debido ás últimas actualizacións dos partes meteorolóxicos dos distintos organismos predictores, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes informou da suspensión durante toda a xornada de hoxe da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior de 15 concellos da Mariña lucense e en 38 do noroeste da Coruña pola alerta laranxa por vento. Tamén está suspendida desde este mediodía en 33 concellos do litoral de Pontevedra; 22 concellos do oeste e suroeste da provincia da Coruña; así como 19 concellos da montaña de Ourense. Os concellos afectados poden consultarse no mapa de zonas climáticas de MeteoGalicia.

Ademais, polo fenómeno adverso por temporal costeiro cancelouse tanto hoxe como na xornada de mañá a actividade deportiva federada no mar en toda Galicia

De cara a reducir riscos pola alerta vermella, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén non saír a navegar, pescar ou practicar deportes náuticos, así como que se respecten os cordóns de seguridade e as indicacións dos axentes e se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, sinálase a importancia de retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.

Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Relacionadas

A Xunta activa a alerta laranxa para mañá por vento na Mariña Lucense

0
―      Suspéndese por este motivo mañá pola mañá a actividade deportiva federada e do programa Xogade nos 15 concellos da MariñaTamén estará activa en...

Rueda asina concello de Poio un convenio para invertir 1,7 M€ na primeira fase...

0
Lembra que se trata “dunha das zonas urbanas máis transitadas de Galicia” ao ser a vía de entrada e saída da cidade de PontevedraA...

A Xunta esíxelle ao Goberno central a celebración da conferencia sectorial de transportes para...

0
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou hoxe en Madrid na Comisión de directores xerais de Transporte do Estado e das Comunidades Autónomas...

A Xunta defende que a promoción da lingua e a cultura galegas por parte...

0
No debate de totalidade do Proxecto de lei de medios, o  conselleiro  de Presidencia subliñou que se trata dunha lei “útil” para lingua, a...

Abano Producións ultima na Coruña co apoio da Xunta a longa de animación‘Decorado’co premiado Alberto...

0
— A película conta cunha subvención de 260.000 euros a través da convocatoria para a produción de proxectos audiovisuais galegos de 2023 da Consellería...

Belén do Campo informa do compromiso daXunta coas dotacións culturisa locais a través de dúas...

0
― A delegada explicou o programa ‘Ler conta moito’, unha liña dotada con 195.000€, que está dirixida a colaborar cos concellos na programación de...

Publicacións Relacionadas