Onte día 27 de xaneiro tivo lugar o primeiro pleno ordinario do ano no que se aprobou por unanimidade, a modificación da ordenanza reguladora do prezo público polo servizo de estacionamento no aparcadoiro do Centenario, o proxecto a recuperación e posta en valor da senda dos muíños de auga do río Saíñas, a solicitude de cesión da UCA ao Concello de Ribeira, a proposición conxunta do Goberno sobre a demanda da implementación de medidas orientadas á recuperación da produción de bivalvos nos bancos marisqueiros e a proposición do PP sobre sobre a rede de alumeado público.
Por outra banda aprobouse por 11 votos a favor do BNG, PBBI e PSdeG e 10 en contra do PP; a delegación da inspección do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) á Deputación da Coruña, decaeu a proposición do PP sobre a reversión dos terreos que ocupa a nave de Cerqueira e saíndo adiante a emenda de substitución presentada polo grupos Bng e PBBI.
Delegación da inspección do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) e da taxa por licenza de obras ou urbanística na Deputación de a Coruña.
Segundo o informe de Tesourería do Concello, subscribir esta delegación suporá un paso positivo a facenda municipal e o exercicio da función inspectora pola previsible existencia dunha grande bolsa de fraude na xestión do imposto, cuxa corrección cubriría con creces o custe do servizo a satisfacer á Deputación Provincial.
A Deputación da Coruña realizaría a inspección do imposto sobre construcións, instalacións e obras, da taxa por licenza de obras ou urbanística e pola realización das actividades administrativas de control nos supostos nos que a esixencia de licenza fose substituída pola presentación de declaración responsable ou comunicación previa, así coma da recadación voluntaria e executiva das liquidacións derivadas das actuacións inspectoras.
A concelleira de Facenda, Herminia Pouso argumentou “neste caso o que estamos é delegando a inspección do imposto de construcións e a taxa por actividades urbanísticas”. Actualmente Concello dispón dun inspector de urbanismo traballando para comprobar as documentacións como comunicacións previas, etc.; pero na actualidade non se teñen medios
específicos para facer un expediente de comprobación exhaustivo que estime a situación real da obra. “A xente ten que estar tranquila porque con isto o que se facilita é facer as inspeccións dunha maneira rigorosa e eficiente”, rematou Pouso. Devandita delegación foi aprobada cos once votos de BNG, PBBI e PSdeG e 10 en contra do PP.
Aprobación da modificación da ordenanza reguladora do prezo público por prestación de servizo do aparcadoiro do Centenario.
Aprobouse por unanimidade este punto pola necesidade de modificar o réxime de pago dos bonos de desconto tramitados polas Entidades Colaboradoras, para dar máis flexibilidade ao seu cobro en función das circunstancias de cada caso, así coma permitir o pago dos abonos turísticos nas propias instalacións para dotar de maior comodidade e axilidade a ese tipo de abonos. Neste sentido o rexedor, Luís Pérez, explicou que con esta modificación facilítase que as persoas que queiran un bono turístico poidan collelo directamente no aparcadoiro e, por outra banda, a Asociación de Empresarios e Empresarias de Ribeira fagan o pagamento dos bonos de desconto realmente consumidos.
Aprobación do proxecto para a execución das obras de “recuperación e posta en valor da senda dos muiños de auga do río Saiñas”, e declaración de utilidade pública.
Aprobouse por unanimidade este proxecto así como levar a cabo a declaración de utilidade pública do mesmo e das obras co fin de poder aprobar o expediente de contratación. Conta cun orzamento total de licitación: 110.377,97€ e un prazo de catro meses. O edil de Turismo, Suárez-Puerta, salientou que “será un proxecto totalmente accesible para as persoas e coa plena integración no medio natural”. Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Antía Alberte, destacou que o goberno local recuperar o patrimonio ambiental ao tempo que se vai promover hábitos de vida saudables.
Solicitude de cesión do ben inmoble (UCA) patrimonio da Seguridade Social ao Concello de Ribeira para o seu uso público.
Aprobouse por unanimidade ratificar a resolución da Alcaldía pola que se resolve solicitar á Dirección Provincial da Coruña da Tesourería Xeral da Seguridade Social a adscrición a favor do Concello de Ribeira do inmoble sito.
Avenida de A Coruña 174 coa finalidade da instalación do servizo público de dependencia municipal da Unidade de Condutas Aditivas (UCA) por un prazo de 30 anos.
O alcalde, Luís Pérez, puxo en valor este centro de condutas aditivas como un exemplo de reintegración na sociedade máis a súa constante achega á mesma cunha gran acollida polos usuarios da comarca. O rexedor tamén avanzou que ademais desta cesión traballará para conseguir a titularidade do inmoble.
Proposición conxunta dos grupos de Goberno sobre a implementación de medidas orientadas á recuperación da producción de bivalvos nos bancos marisqueiros.
A proposición conxunta aprobouse por unanimidade non sen antes facer decaer a emenda de substitución á totalidade presentada pola oposición. Na proposición que se aprobou ínstase á Consellaría do Mar a realizar un estudo que analice as causas principais da perda de produtividade das rías galegas, especialmente da ría de Arousa, e vías para enfrontala. Tamén se solicita o aumento das axudas económicas ás Confrarías para labrar e sementar nas zonas de marisqueo e finalmente que a Consellería do Mar impulse a posta en marcha dunha “hatchery”, un criadeiro de semente de ameixa na zona de Aguiño co fin de abastecer de semente a recuperación produtiva dos bancos marisqueiros.
O concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, comezou argumentando que “coñezo perfectamente o sector mellor xa que pertenzo á Confraría de Carreira-Aguiño como representante da agrupación e da Xunta Xeral, estou en contacto a maior parte do día con mariscadores e mariscadoras, levántome tódolos días as sete da mañá para ir tirar do rastro, levo 32 anos no mar e non se recorda unha escaseza coma esta” continuou falando da semente “a liña de axudas para a semente da Xunta son para bancos non produtivos iso significa que non se pode labrar a concesión propia de cada confraría”, rematou decindo que “este ano vai a ver un problema moi grave ca semente porque vai a ver moita demanda e vai a ser moi complicado abastecer a tódalas confrarías”.
Abraldes fixo mención aos datos, cada vez máis baixos, de produción marisqueira. Neste sentido o decenso se comparamos os datos de 2020-2024 hai una caída do 58,38% na produción da lonxa de Ribeira mentres que na de Aguiño cae un 79,68%. Isto implica pasar de 86.118,01 kg a 35.839,16 kg en Ribeira e de 56.229,45 kg a 11.422,60 kg en Aguiño.
A concelleira de Medio Ambiente, Antía Alberte, explicou que a situación é alarmante por iso se quere que a Xunta constitúa unha comisión de estudo con expertos das universidades e os centros de investigación galegos, ademais de representantes do sector, para analizar as principais causas da perda de produtividade das rías e para que propoñan vías para afrontala.
Proposición sobre a rede de alumeado público de Ribeira.
Unanimidade a esta proposición do PP que ten como finalidade facer unha auditoría do cumprimento íntegro do contrato, avaliar o estado actual das luminarias, así como dos centros de mando existentes en cada rede de alumeado, sen esquecerse das parroquias.
O goberno informou de que o ano pasado rexistráronse 381 incidencias nas que se resolveron satisfactoriamente unha porcentaxe moi alta, e que a empresa reporta que só 3 casos son reincidentes por desgaste do tendido eléctrico que producen os saltos de diferenciais térmicos localizados en Olveira, os Areeiros e nas Lombas; zonas que non chegaron a ter o mantemento axeitado durante anos.
A concelleira de Servizos Municipais, Tania Redondo afirmou que as queixas polos puntos de luz son constantes no concello “tamén cabe subliñar que o contrato foi subscrito no 2015 no que se retiraron moitos puntos de luz nas parroquias que agora estamos repoñendo”. A edil tamén engadiu que “neste último ano baixou a porcentaxe de queixas e reclamacións por mor de reposicións de cableados que estaban en mal estado en diferentes zonas” e rematou decindo “que dende fai oito anos até xullo de 2023 no nos consta ningunha auditoría á empresa adxudicataria durante ese tempo”.
Proposición sobre a nave de Cerqueira
A Corporación Municipal aprobou cos votos a favor de BNG, PBBI, PSdeG e os votos en contra do PP apoiar as xestións que está realizando o Goberno Local ante Costas e ante os propietarios de Cerqueira a súa compra para que sexa propiedade do Concello de Ribeira.
Os membros do Goberno Local, Suárez-Puerta e Pouso, recriminaron a proposición presentada polo Partido Popular argumentando que “non éoportuna pola mala praxe que no seu día tivo o goberno popular ao non saber manter a empresa en Ribeira por falta de chan industrial e agora pretender interesarse pola nave” .
“Chegan tarde e mal” aseverou o alcalde que informou que xa o PP votara en contra dunha proposición para declarala BIC en maio de 2021, “e o que se pretendía era protexer un inmoble de patrimonio industrial dos poucos que quedan, deixaron esmorecer a unha empresa como Cerqueira, quixeron cambiar o Centro do Saúde e levouse xa o auditorio deste barrio polo tanto os feitos demostran que non teñen nin tiveron interese nunca polo barrio de Banda ao Río”.
Pérez Barral informou que xa leva meses en conversas con Costas e co propietario para chegar a un bo entendemento para que Ribeira poida ter ese patrimonio industrial a disposición de toda a veciñanza. Barral asegurou que “no momento que teñamos un acordó pechado, teñan por seguro que daremos información cumprida pero preferimos manter a discreción para non truncar nada e creo que chegaremos a bo porto”. O rexedor aproveitou para incidir que dende o goberno local vaise seguir apostando pola revitalización barrio porque xa están levando a cabo actuacións musicais e culturais, defende que o centro de saúde teña profesionais suficientes ou a posta en valor do parque cunha renovada zona de xogos.
Finalmente na parte final do pleno atendéronse os diferentes rogos plantexados polo PP en temas da sinalización na saída do CEIP de Palmeira, arranxo o camiño que dá acceso ao paseo na zona do Ameixida, puntos de luz na zona da Braña do Muro en
Aguiño, retirada dunha árbore en Mosqueiros e arranxo do acceso ao aparcadoiro traseiro do cemiterio de Carreira – Aguiño.
A ditos rogos o concelleiro de obras explicou polo miúdo o que se está facendo dende a súa concelleira e tomou nota para emendar da maneira máis áxil ditas demandas.
Xa cara o final do pleno contestouse á pregunta de Emilio Pérez Outeiral sobre a situación na que se atopa a pretensión da instalación da antena de telefonía no lugar da Lomba en Palmeira
Suárez-Puerta quixo aclarar que se parou a obra, que se reaccionou a tempo para que non seguira adiante a ubicación proxectada, o Concello de Ribeira xunto coa empresa están procurando outras opcións alternativas que poidancubrir o espectro que se quere xunto que non sexa unha molestia para a veciñanza.