A moción da fronte nacionalista para poñer en valor a figura de Castelao no seu 75 cabodano resultou tombada pola oposición popular e a abstención socialista
Xabier P. Igrexas: “Non se pode reivindicar Castelao mentres se prohibe o galego nas aulas ou se dinamita desde dentro o escaso marco de autogoberno da Galiza”
O Bloque Nacionalista Galego afea que o PP e o PSOE impediran este luns no Pleno municipal de Vigo o recoñecemento formal e legal de Castelao como primeiro presidente da Galiza. Así, a moción trasladada pola fronte nacionalista para poñer en valor a Castelao no seu 75 cabodano resultou tombada pola oposición popular e a abstención socialista.
“O BNG cremos que cómpre reivindicar Castelao en toda a súa dimensión política, artística e literaria, no seu humanismo e internacionalismo solidario, facendo así un acto de dignificación nacional da principal figura política e cultural da historia contemporánea galega tamén na maior cidade do noso país”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante a sesión plenaria.
A moción rexeitada do Bloque propuña tres grandes acordos ao Pleno de Vigo: reclamar a Xunta o recoñecemento de Castelao como primeiro presidente e do Consello de Galiza como primeiro Goberno galego da etapa contemporánea; o apoio do Concello á declaración deste 2025 como Ano Castelao; e que o Goberno municipal poña en marcha un intenso programa de actividades para divulgar a súa obra e pensamento.
O portavoz municipal do Bloque censurou os intentos de “manipular e esvaciar” a figura de Castelao da súa dimensión política e como referente do nacionalismo galego, en particular por parte do PP que formulou unha emenda á moción do BNG para retirar os dous primeiros acordos. “Non se pode reivindicar Castelao mentres se prohibe o galego nas aulas ou se dinamita desde dentro o escaso marco de autogoberno da Galiza”, afeou Igrexas ao grupo popular.
Dende a fronte nacionalista criticaron tamén os argumentos do PP para negar este recoñecemento de Castelao como primeiro presidente galego. “O Consello da Galiza foi o goberno no exilio por culpa dun alzamento fascista e 40 anos de brutal ditadura, da que proveñen os principais fundadores do seu partido”, espetou Igrexas, lembrando que o actual marco e institucións como o Parlamento galego deveñen da lexitimidade política do Estatuto plebiscitado en 1936 por impulso de Castelao.