A mostra reúne pezas de máis de seis décadas de traxectoria creativa do escultor ourensán
A Deputación clausura este domingo no Museo de Pontevedra a exposición ‘Acisclo en 66 obras’. Trátase dunha mostra composta por pezas representativas da evolución artística dun dos escultores galegos máis relevantes da segunda metade do século XX, percorrendo a súa traxectoria creativa desde o expresionismo figurativo dos seus inicios ata alcanzar case a abstracción.
A exposición, que abriu as súas portas o 13 de decembro, está composta por 66 pezas datadas entre 1959 e 2010. Proceden de museos de toda Galicia, como o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo Provincial de Lugo, o Museo Municipal de Ourense e o Museo Municipal de Vigo Quiñones de León, entidades como o Parlamento de Galicia, a Compañía de Radio Televisión de Galicia, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e o Centro Cultural Marcos Valcárcel, fundacións como a Fundación Xaime Quessada Blanco e a Fundación Araguaney, así como galerías de arte e coleccións particulares.
Acisclo iniciou a súa carreira no Ourense dos anos sesenta, xunto a outros novos artistas da cidade baixo a influencia de Vicente Risco. El faláballes da figura de Castelao, da defensa da lingua e da cultura galegas, da loita pola liberdade e dos movementos de vangarda, e mesmo lles propuxo que interviñesen artisticamente en O Tucho, simulando o Cabaret Voltaire de Zúric, unha idea que levaron a cabo Acisclo, Xaime Quesada e José Luis de Dios coma homenaxe a Risco en 1963, uns meses despois da súa morte. Deste xeito naceu o grupo Volter, formado polos tres artistas coa intención de renovar a arte galega, defender o galeguismo e amosar o seu compromiso político cunha militante oposición ao franquismo.
Aí foise configurando o seu estilo, adscrito á neofiguración expresionista, que amosa o seu interese por resaltar de maneira especial os rostros e as mans, transmitindo profundas emocións a través do xesto. Busca conmover a e o espectador coa deformación corporal das figuras para expresar a soidade, a violencia ou a angustia, sentimentos humanos que en ocasións potencia furando a masa.
Desde os anos setenta, o barro, co que tivo contacto desde os seus inicios, é o material co que se sente máis a gusto e o que lle proporciona maior liberdade. Acisclo modela o barro galego e a arxila eivisenca, o primeiro con volumes arredondados e formas compactas, coma a paisaxe de Galicia; o segundo inspíralle torsos femininos que lle fan imaxinar os restos da arte grega. Desde 1986 a obra monumental ten unha presenza especial na súa produción.-