- No debate de totalidade do Proxecto de lei de medios, o conselleiro de Presidencia subliñou que se trata dunha lei “útil” para lingua, a cultura e o sector audiovisual de Galicia, ao tempo que ofrece “man tendida na procura de consenso”
- Subliña que a lei de medios contempla ata dúas fórmulas de consenso para a elección dos órganos de dirección da corporación por maioría reforzada, malia que a maioría das autonómicas e a propia RTVE elixen a dirección xeral por maioría absoluta
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá no Parlamento no debate de totalidade do Proxecto de lei de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, que chega á Cámara logo dun proceso “transparente e participativo” que reforza a pluralidade dos medios públicos, blinda a súa misión fundacional e busca o consenso.
Referiuse o conselleiro ao cambio acelerado no que están inmersos os medios audiovisuais: os novos patróns de consumo, cun crecente protagonismo dos dispositivos móbiles, e o feito de que a oferta da CRTVG está a mudar cara unha plataforma de servizos de comunicación audiovisual, necesitada dunha reforma normativa que se axuste á nova realidade. A maiores, o novo marco normativo estatal e europeo, que a lei galega respecta escrupulosamente, esixe reformas como as contempladas no Proxecto de Lei de Medios.
Recordou Calvo que ao longo das súas máis de catro décadas de vida, os medios públicos autonómicos teñen contribuído de maneira destacada á “normalización da lingua galega, o reforzamento da nosa identidade como pobo, a promoción da cultura galega e tamén -cómpre recoñecelo- o desenvolvemento do sector audiovisual de Galicia. Así foi e así continuará acontecendo no futuro, a ser posible aínda con máis forza”.
Blindaxe do galego
Por iso, subliñou o conselleiro, “a defensa e promoción da nosa lingua e da nosa cultura por parte dos medios públicos autonómicos son e serán innegociables, porque a nosa lingua é, probablemente, o noso maior e máis valioso patrimonio inmaterial que cómpre impulsar e protexer a toda costa”.
Nesta liña, Diego Calvo explicou que, de acordo coa nova lei, os medios públicos autonómicos producirán os seus programas, contidos e servizos en lingua galega e garantirán a edición e difusión en galego dos seus programas, contidos e servizos de produción allea, sen prexuízo da posibilidade de utilizar adicionalmente outras linguas cando así o xustifique a finalidade de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do territorio da Comunidade Autónoma. “Fóra do territorio e adicionalmente”, insistiu.
Produción propia
Do mesmo xeito, o Proxecto de lei de medios “blinda” o impulso da produción propia, garante a participación dos grupos políticos e sociais representativos e acentúa o protagonismo dos medios públicos na alfabetización mediática da sociedade.
Agregou o conselleiro que o Proxecto de lei de medios é un texto “profundamente meditado” que, a diferenza do acontecido en Madrid con RTVE, “estimula e busca o consenso por parte das formacións que integramos esta Cámara”.
“Traemos -apuntou Calvo- unha oferta sincera de man tendida para a elección dos órganos de dirección da futura Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia”, tanto para o Consello de Administración e o Consello de Participación Social e Profesional, como para a designación da Dirección Xeral. Neste caso contémplase unha primeira votación, na que se esixe unha maioría parlamentaria de dous terzos. De non acadarse a maioría requirida, a norma contempla unha segunda votación, un mes despois, ofrecendo tempo abondo aos grupos para negociar e achegar posturas. Neste caso abondaría cunha maioría, tamén reforzada, de tres quintos, para a elección da Dirección Xeral.
Só como última opción, “para evitar interinidades indefinidas ou mesmo situacións esperpénticas, como a vivida en RTVE”, a elección podería efectuarse por maioría absoluta. Este procedemento é o que seguen a maioría das televisións autonómicas e a propia RTVE, logo da ultima reforma legal tramitada polo procedemento de urxencia mediante real decreto-lei.
Lei avanzada
Trátase, a xuízo de Diego Calvo, dunha “lei avanzada coa que facer fronte aos retos actuais e futuros, que estimula a pluralidade e a participación; unha lei necesaria e útil: para Galicia, para a nosa lingua e a nosa cultura, e para o noso sector audiovisual; unha lei que ofrece man tendida na procura do consenso das leis fundacionais da Comunidade Autónoma que e fariamos ben en retomar”.