O Concello de Ponteareas acollerá este sábado, ás 18:00 horas no Auditorio Reveriano Soutullo, a gran festa do ciclismo galego, onde se darán cita os protagonistas de todas as modalidades no 2024, así como os homenaxeados polas súas traxectorias.
Esta mañá ofrecéronse todos os detalles desta gala anual, que será presentada polo presentador e xornalista Terio Carrera, nunha presentación na que asistiron a alcaldesa do Concello de Ponteareas, Nava Castro; o concelleiro de Deportes, Luís Rodríguez; o presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz; e o seu vicepresidente, Óscar Sánchez.
O concelleiro de Deportes dou a benvida a todo o equipo da Federación e mostrouse agradecido “por que pensarades en Ponteareas como sede para esta importante gala anual dos premios do 2024. É un pracer que se realice por primeira vez na historia nas nosas instalacións. Ponteareas é ciclismo e, por iso, só queremos trasladarvos que estamos encantados con esta celebración, pero tamén con todo o que chegou e chegará relacionado con este deporte na nosa vila”.
O presidente da Federación destacou que este sábado, Ponteareas “acollerá o acto máis importante do ciclismo galego, onde se recoñecen a máis de 150 participantes dos rankings das copas tanto a nivel autonómivo como nacional, aos equipos, e as 16 mencións especiais, unha delas ao Concello de Ponteareas, polo gran traballo que está facendo pola promoción do ciclismo a nivel provincial, autonómico, nacional e internacional porque hai imaxes que dan a volta ao mundo. Estou seguro de que a gala será un éxito e convido a todos os veciños e veciñas a que veñan a desfrutar deste evento e coñecer aos grandes ciclistas.
A alcaldesa explicou “o ciclismo forma parte da nosa esencia. Poucas localidades poden presumir de contar con tres gañadores da Volta Ciclista a España: os nosos queridos Delio e Emilio Rodríguez Barros e Álvaro Pino. Por iso para nós é tan especial poder acoller esta gala. Ademais, este ano fainos especial ilusión xa que, fai uns días, a Federación anunciou as dezaseis Mencións Especiais que se entregarán na Gala deste sábado e temos a honra de que o noso Concello recibirá unha delas, como recoñecemento polo indispensable apoio institucional ao ciclismo”.