Os socialistas e as socialistas de Salceda solicitamos ao actúal equipo de goberno que poña enriba da mesa un proxecto serio de orzamentos para o noso concello.
O grupo municipal do PSdG-PSOE e a executiva municipal da agrupación socialista de Salceda de Caselas queremos realizar as seguintes consideracións sobre as recentes declaracións da alcaldesa Dolores Castiñeira na cadea SER o pasado 14 de xaneiro e do goberno municipal en pleno no Faro de Vigo este pasado venres día 24:
– O sentir da agrupación e do grupo municipal socialista non é precisamente o da mellora na relación co grupo de goberno de Movemento Salceda. A nosa militancia esta preocupada polo imperante desgoberno no que está a caer Salceda.
O goberno de Salceda non goberna e dedícase a apuntarse logros do noso partido na anterior lexislatura, , como a reparcelación do Polígono II do PERI, xunto ao centro de saúde, levado a cabo pola concelleira de Urbanismo Verónica Tourón, e mesmo obras de infraestrutura doutras administracións como a autonómica no caso da ampliación do IES Pedras Rubias.
– A súa acción de goberno está chea de ocorrencias como a recuperación da fachada da antiga Praza de Abastos ou a campaña “Salceda Movese” onde se despilfarran recursos agasallando á cidadanía con obxectos de merchandising como se a política municipal fose unha feira onde os responsables das redes sociais do concello se dedican a contar os logros e a vida de persoas de Salceda en lugar de render contas sobre o seu labor de goberno ante a nosa veciñanza. E non é que as e os socialistas de Salceda non nos guste que se fale das nosas xentes marabillosas e se de a coñecer o noso pobo pero non se pode tapar a falla de xestión e a inacción política do actual goberno municipal enchendo as redes sociais municipais con contidos case exclusivamente alleos a xestión municipal que se debe realizar no noso concello para atender ás demandas da nosa veciñanza.
– Nada sabemos duns orzamentos municipais, que se teñan comunicado aos membros do noso grupo municipal, nin eles saben, soamente a través dos xornais, que a súa relación co goberno municipal teña mellorado ata o punto de aprobar uns orzamentos, dos que non existe nin unha proposta inicial.
– Uns orzamentos municipais que se teñen solicitado polo noso grupo municipal dende os inicios da lexislatura porque son a ferramenta fundamental para vertebrar o goberno dun concello que por desgraza non conta con excesivos recursos e no que é necesario aplicar as medidas de aforro que se recolleron no Plan de Axuste asinado pola anterior alcaldesa e secretaria xeral da nosa agrupación socialista Verónica Tourón. Plan de axuste que tenta desterrar a utilización dos recoñecementos extraxudiciais de crédito como o único método para facer fronte á xestión económica no goberno do noso concello.
– Pedimos respecto para os nosos dous concelleiros, porque o goberno municipal vai contando aos medios de comunicación unha simulada excelente relación co noso grupo municipal que non existe, por suposto é cordial, pero isto non significa que realicemos con firmeza a nosa labor de oposición para controlar a súa falla de goberno e de acción política.
– Pedimos respecto para a nosa secretaria xeral, a nosa anterior voceira municipal e para a nosa anterior alcaldesa Verónica Tourón e para os seus compañeiros de goberno e de grupo municipal. Todas elas foron persoas que realizaron unha enorme labor ao fronte do goberno municipal e os seus logros sabemos quedaron no pobo para a veciñanza.
Non foi Verónica Tourón un obstáculo, nin un problema para o actual grupo de goberno, as súas relacións non eran nin malas nin boas, simplemente cordiais, como voceira exerceu a súa labor de oposición e de control da xestión política xunto coa súa compañeira Gela Ledo, botarlle a culpa agora sobre a non aprobación duns inexistentes orzamentos e botar “balóns fora” sobre a inoperancia para negociar que sempre ten caracterizado a Movemento Salceda.
– O actual equipo de goberno debe poñerse a traballar. A mediados de este ano 2025 se cumpriran xa dous anos de mandato e a meirande parte das cousas están se facer e moitas outras foron iniciadas polo noso partido e xa non se continuaron.
O PSdeG-PSOE de Salceda esixe o cumprimento dos acordos que levaron á investidura do actual goberno para o seu apoio ós futuros orzamentos de Salceda. O Grupo Municipal Socialista formado polos concelleiros Xurxo Gregorio e Saúl Olmo solicitan do grupo de goberno o cumprimento dos acordos tomados no inicio desta lexislatura.
O grupo municipal socialista esixe unha política económica máis transparente así coma a eliminación dos gastos supérfluos coma os de publicidade. O Grupo Socialista esixe o Grupo de Goberno o cumprimento do acordo de límite orzamentario de contratación directa a 5.000 euros así como unha información en materia económica aos partidos que asinaron o acordo de investidura máis áxil e detallada.
– A nosa veciñanza non necesita paletas nin balóns de praia que promocionen o noso concello, necesitamos promocionar á nosa veciñanza e mellorar as súas vidas e o seu benestar desenvolvendo unha política seria, digna e baseada nos nosos principios e ideas socialistas.