Home A Coruña A Real Academia Galega presenta a ‘Guía de apelidos galegos’, unha ferramenta...

A Real Academia Galega presenta a ‘Guía de apelidos galegos’, unha ferramenta en liña para facilitar a restitución das formas propias

- Anuncio -

· O buscador que incorpora a web da RAG rexistra máis de 6.000 apelidos que abranguen o 95 % da poboación galega

· Proporciona de forma automática un informe sobre a forma estándar galega que axilizará o trámite da restitución dos apelidos, que se pode solicitar nos rexistros civís

· A castelanización afecta aproximadamente o 16 % das formas, pero entre elas figuran algúns dos apelidos máis frecuentes, o que incrementa o seu impacto social

A nova Guía de apelidos galegos, con máis de 6.000 nomes de familia que abranguen aproximadamente o 95 % da poboación galega, pode consultarse dende hoxe na páxina web da Real Academia Galega. A institución presenta esta ferramenta en liña para facilitar o coñecemento das formas propias e a súa restitución, e para iso ofrece tanto a forma estándar de cada un deles coma as non estándar coa equivalencia non deturpada. O buscador permite ademais descargar un informe do Seminario de Onomástica da RAG que acredita cal é a forma correcta daqueles apelidos alterados.

“A reforma da Lei do rexistro civil de 1999 contempla que cun trámite moi sinxelo sexa posible a restitución dos apelidos galegos á súa forma xenuína, e coidamos que este recurso vai facilitar esta xestión”, explica a coordinadora da guía, Ana Boullón. Aínda que se calcula que o total de formas castelanizadas é aproximadamente só o 16 %, estas afectan a algúns dos apelidos máis frecuentes, de modo que a súa visibilidade social é moito maior, engade. A académica de número presentou esta mañá este novo recurso canda o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, nunha rolda de prensa celebrada na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

“Os apelidos son a crónica dunha estirpe, marcas de identidade nas que recoñecemos a propia liñaxe, a memoria da familia ou do clan. Detrás deles latexa a memoria do que somos. Estudar esa memoria significa coñecérmonos un pouco máis a nós mesmos, non tanto dende unha perspectiva particular ou individual, mais comunitaria e compartida”, salienta o presidente da Academia. Víctor F. Freixanes agradeceu o traballo do equipo redactor da Guía de apelidos galegos, do que forman parte canda Ana Boullón o académico de número Gonzalo Navaza e os académicos correspondentes Antón Palacio e Luz Méndez, todos eles membros do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.

A nova guía en liña amplía significativamente a de 1.500 apelidos que a RAG publicou, en papel e PDF, no ano 2016. O corpus no que se basea é o do Dicionario de apelidos galegos, no que está a traballar o mesmo equipo e que ofrecerá as etimoloxías e as distribucións xeográficas de cada forma, ademais de sinalar a documentación máis antiga. Estes recursos súmanse á Guía de nomes galegos, presentada en 2022 tamén en forma de buscador en liña.

Deturpación a partir do século XVI

A deturpación dos apelidos comezou no século XVI, cando o galego foi desprazado da escrita. “Foi un proceso anárquico, no que formas como Méndez ou Mariño se mantiveron practicamente sen alteracións mentres outras como Outeiro foron moi castelanizadas. No censo hai rexistrados case 40.000 Otero e apenas 300 Outeiro”, pon como exemplo Ana Boullón.

A modificación dos apelidos para asimilalos ao castelán produciuse coa xeneralización dos rexistros, primeiro relixiosos e logo civís. Esta práctica afectou en maior medida aos nomes que aos apelidos, que xa eran hereditarios, pero a vontade de respectalos ou non dependeu en boa medida do escribente ou da institución. “A diocese de Tui, por exemplo, foi tremendamente castelanizadora”, conta a académica. O proceso de deturpación deixou rastro nos documentos que chegaron ata os nosos días, nos que queda constancia escrita de como moitos Afonso se converteron en Alfonso ou Alonso, os Regueira en Reguera ou os Outeiro en Otero. “Polo tanto, a abundancia de apelidos coma estes en Galicia, malia coincidiren coas formas correspondentes en castelán, non se deben, na súa maior parte, a apelidos casteláns asentados no país, senón a transformacións que sufriron as formas galegas”, aclara Ana Boullón.

Tipos de apelidos e cambios que documentan a tentativa de aculturación

Os apelidos galegos parten dun conxunto léxico que se remonta, cando menos, á Idade Media, cando se comezaron a fixar como segundos nomes uns elementos que, nun primeiro momento cambiantes de xeración en xeración e despois hereditarios, se transmitiron ata os nosos días. Os máis comúns son os patronímicos, con orixe en nomes de persoa e rematados maioritariamente en -ez (Méndez, Estévez) e algúns en -s (Pais, Martís). Outros tamén moi frecuentes, os toponímicos, indicaban o lugar de residencia ou procedencia do portador (Castro, Outeiro, Chao, Piñeiro, Pazos…), e un terceiro grupo proceden de alcumes profesionais como Ferreiro ou refírense ás características dos portadores (Calvo, Crespo, Ledo, Louzao, Garrido…).

“Estes tres tipos de apelidos manifestan, pois, un tipo de relacións familiares, socioeconómicas, xeográficas e persoais que están na orixe das que rexen hoxe a nosa vida colectiva. Mais a forma en que se transmitiron algúns deles nos está a documentar a tentativa de aculturación que sufrimos como pobo desde o remate da Idade Media a través do proceso de castelanización”, sinalan os redactores da guía na súa presentación.

Tendo en conta as distintas maneiras rexistradas de castelanizar os apelidos galegos, a recuperacións das formas propias implica, por unha banda, restituír nomes de familia como Teixeiro, Seixo, Soutelo, Goiáns, Atáns ou Bustabade, que en moitas ocasións derivaron en híbridos como *Teijeiro, *Seijo, *Sotelo, *Goyanes. Para os apelidos toponímicos deturpados, a referencia para o seu restablecemento é o propio Nomenclátor de Galicia, mentres que noutros casos cómpre reverter castelanizacións de apelidos patronímicos como Martís, Afonso e Lourenzo, convertidos en Martínez, Alfonso ou Lorenzo; ou de formas léxicas como Neto, Dourado, Romeu, Mosqueira ou Vilar.

De igual modo que nestes últimos casos a forma castelá é na inmensa maioría das veces unha deturpación e non o indicador dunha orixe do portador fóra de Galicia, a utilización das grafías <j> ou <g+e, i> en formas como *Araújo, *Feijoo *Janeiro, *Justo ou *Juíz obedecen ao mesmo proceso de castelanización, non á continuidade das grafías históricas. As formas estándar son, polo tanto, Araúxo, Feixoo, Xaneiro, Xusto e Xuíz.

Canto ás formas dialectais, todas elas galegas, a listaxe de formas estándar respéctaas seguindo o mesmo criterio que se aplica na toponimia. Isto explica que poida haber solucións duplas como Bugueiro /Buxeiro, Eirexas / Igrexas, Fontán / Fontao, Louzán / Louzao, Casás / Casais, Pedrouzo /Pedrouso, Eiriz /Eirís etc.

A Guía de apelidos galegos é un traballo realizado co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Relacionadas

Luisa Sánchez anuncia na gala de entrega dos XIX Premios Joven Empresario/a de AJE...

0
O goberno da Deputación investirá 1,45 millóns de euros na xestión de Smartpeme + e das oficinas Acelera Pyme Rural, que desde Barro, Cambados,...

Baiona presenta a imaxe da Festa da Arribada 2025

0
Baiona desvela a imaxe da XIX Festa da Arribada 2025, que se celebrará do 28 de febreiro ao 2 de marzo, nun acto en...

O concello do Porriño rende homenaxe aos gañadores do concurso ‘Internetional Dragon’s Den’

0
Os estudantes presentaron aos asistentes o seu proxecto “Greenpocket Solutions” xunto cun prototipo do produto 'Eco Snack Bag', amosando a súa proposta innovadora de...

A Deputación leva a oficina móbil do programa +Renovables a Marín para informar a...

0
O deputado provincial Javier Tourís visitou o concello coa oficina móbil, que percorrerá todos os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia para...

Rafa Domínguez e Jorge Cubela percorren Pontevedra con Santiago Gamboa na véspera da conferencia...

0
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, xunto co deputado de Cultura e Xuventude, Jorge Cubela, percorreron Pontevedra con Santiago Gamboa na véspera...

A Xunta e o concello de Moraña avalían vías de colaboracion para mellorar a...

0
A Xunta de Galicia e o Concello de Moraña estudarán a posibilidade de mellorar o acondicionamento e poñer en valor a contorna do río...

Publicacións Relacionadas