Home A Coruña O Concello de Brión homenaxea a Xosé Vizoso, veciño do municipio a...

O Concello de Brión homenaxea a Xosé Vizoso, veciño do municipio a quen se dedica este ano o Día da Ilustración

- Anuncio -

A biblioteca municipal organiza unha exposición de carteis que ilustran a evolución deste artista plástico e agasalla aos visitantes cun marcador de páxinas dedicado a Rosalía de Castro e deseñado por Xosé Vizoso

O Concello de Brión súmase á conmemoración mañá xoves 30 de xaneiro do Día da Ilustración, unha efeméride impulsada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración en colaboración coa Xunta de Galicia na que cada ano se homenaxea a unha destacada figura da ilustración na comunidade. Un recoñecemento que este ano recae nun veciño de Brión: Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950), sendo a primeira vez na que esta homenaxe se fai a unha persoa en vida.

Por iso, o Concello de Brión ten organizado un programa de actividades para homenaxear a este destacado ceramista e ilustrador, que inclúen unha exposición, o agasallo dun marcapáxinas e un espectáculo de narración oral con música e ilustración en vivo. A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, salienta que “Vizoso é unha persoa á que lle temos un gran cariño e respecto en Brión, como amosa o feito de que cada vez que se empadroa alguén no municipio, se lle agasalla unha lámina del. Vizoso é unha persoa especialmente implicada na vida sociocultural de Brión, ben deseñando bustos como o de Vidal Bolaño ou o trofeo do Premio Laudamuco, ben ilustrando libros como Brión en fotos ou colaborando en actividades como os Encontros coa Arte ou deseñando cada ano o cartel da Romaría de Santa Minia que, como dixo Neira Vilas, van moito máis aló dun anuncio, son pezas artísticas para contemplar con lecer. ”.

Así, a Biblioteca Municipal de Brión acolle unha mostra bibliográfica e de carteis que ilustran a evolución deste artista, responsable do deseño dos carteis da Romaría de Santa Minia nas últimas décadas. Nela están presentes os carteis deseñados por Xosé Vizoso para a Romaría de Santa Minia e moitos dos traballos que fixo para outros lugares, moitos deles integrantes da exposición “Carteis 1970-2014” organizada polo Concello de Brión en 2016.

A maiores, todas as persoas que se acheguen pola biblioteca a visitar a exposición poderán levar como agasallo un marcador de páxinas dedicado a Rosalía de Castro e que foi deseñado por Xosé Vizoso para conmemorar o Día de Rosalía.

Finalmente, o próximo venres 7 de febreiro, ás 18:00 horas, a sala municipal de exposicións de Brión acollerá o espectáculo “Homenaxe a Xosé Vizoso”, da man do colectivo “Polo Correo do Vento” no que será a culminación da súa xira por distintos municipios galegos como Santiago, Vigo, Pontevedra e Ribeira. Trátase dunha actividade de narración oral, con música e ilustración en vivo, para homenaxear a este destacado ceramista e ilustrador.

Unha actividade aberta a todos os públicos na que as persoas asistentes descubrirán a biografía de Vizoso, o seu legado artístico e as ligazóns que o unen a Brión. Simultaneamente, un ilustrador realizará un mural relacionado que ilustrará os contidos deste serán tan especial. A participación é totalmente gratuíta e as inscricións están abertas na web da biblioteca municipal de Brión: bibliotecadebrion.blogspot.com.

Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950) é un destacado profesional cunha longa traxectoria como deseñador e ceramista, ademais dunha importante produción como ilustrador. En 1968 recibiu o Premio Nacional de Escultura e na súa carreira profesional destacan os corenta anos como deseñador da cerámica de Sargadelos. A súa obra caracterízase por un estilo profundamente ligado á cultura e ás tradicións galegas.

Relacionadas

Abegondo aproba por unanimidade os fondos do POS e a actualización do inventario

0
· Rexeitada a moción do BNG sobre a revisión do convenio do Deportivo ao lograr só o voto favorable do edil nacionalista O Concello de...

Secundino García solicítalle a Martina Aneiros actuacións “urxentes” no CPI de San Sadurniño

0
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá até San Sadurniño para visitar as obras financiadas nas dúas últimas anualidades...

O pleno aproba por unanimidade o POS+ 2025, o novo Plan de Igualdade e...

0
Tamén se elevou a definitiva a aprobación da modificación da ordenanza municipal reguladora da corta e transporte da madeira de tala. No primeiro Pleno ordinario...

O Concello de Ribeira entrega as becas a deportistas individuais para fomentar hábitos saudables...

0
O Concello de Ribeira fixo entrega hoxe das becas a deportistas individuais, unha iniciativa que busca promover hábitos de vida saudables, apoiar economicamente a...

Inés Rey presenta un orzamento de 379 millóns de euros, cun Plan de Barrios...

0
A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe as contas de cara a este exercicio, que se aprobarán mañá na Xunta de Goberno Local O Concello prevé...

Corte total de tráfico no tramo final da Avda. Santa Cristina por mor das...

0
Desde o día 30 de xaneiro e por un período de 2 meses, procederase ao corte total de tráfico do tramo final da Avda....

Publicacións Relacionadas