O obxectivo é reforzar a seguridade viaria do peón, pensando especialmente en aqueles que realizan paseos deportivos
Os interesados poden solicitalo na Oficina de Información Cidadá do Concello ata esgotar existencias
O Concello de Nigrán ven de adquirir unha remesa de máis de mil chalecos reflectantes co lema ‘Eu Camiño Seguro’ para repartir entre a veciñanza do municipio. Os interesados poden solicitalo na Oficina de Información Cidadá do Concello ata esgotar existencias. O obxectivo é reforzar a seguridade viaria do peón, pensando especialmente en aqueles que realizan paseos deportivos a diario polas coñecidas como ‘rutas do coresterol’, circuítos e roteiros que, sexan oficiais ou non, a cidadanía adopta de maneira espontánea para camiñar. (como pode ser a estrada de Camos a Chandebrito, rúa dos Pazos…). Os chalecos entregaranse xunto a un cartaz no que se sinalan as premisas básicas para os viandantes: utilizar prendas claras e reflectantes, camiñar sempre pola esquerda, manter o contacto visual cos vehículos, mirar antes de cruzar e, con todo isto en mente, gozar do camiño.
Esta é a segunda remesa de chalecos que adquire o Concello de Nigrán e mercaranse máis en caso de existir demanda. “É un investimento ridículo e pode significar a diferencia entre sufrir un atropelo ou non e, ao mesmo tempo, acostumamos á xente a normalizar o seu uso”, explica o alcalde, Juan González.