O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera indicou esta mañá que o Concello está pendente de recibir oficialmente a documentación que permitirá poñer a disposición da Xunta dos terreos para construír a variante.
Xa deu orde de encargar un proxecto de seguranza viaria na avenida de Compostela.
O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera explicou esta mañá que a cesión da estrada N-550 e da avenida de Compostela terá tres consecuencias “importantes” para a cidade: liberar edificabilidade, evitar a perigosidade da vía e poder construír a Variante de Alba. O alcalde recibiu onte a chamada do secretario de Estado de Transportes, Antonio Santano, que lle confirmou a cesión da estrada e o Concello está pendente da recibir a documentación para asinar a acta de recepción e incorporala ao patrimonio municipal.
O concelleiro explicou que coa cesión todas as edificacións (vivendas ou naves) da Ferreira, Cendona e Touceda, así como todas as que están ao carón da avenida de Compostela, arredor dunhas 100 en total, quedan liberadas da afectación de Estradas do Estado que non lles permitía máis que realizar mantemento. Dende esa cesión quedan baixo o paraugas do Plan Xeral Municipal que transforma a estrada en rúa, e as edificacións se beneficiarán desta nova condición como calquera outra vivenda urbana do concello.
Ademais, a bolsa de terreo da avenida de Compostela situada á man esquerda (de saída da cidade) tamén queda liberada das afectacións de Estradas e facilitará a súa edificabilidade “que agora estaban no limbo”, manifestou César Mosquera, quen considerou que esta “é unha moi boa noticia” xa que nestas parcelas poderíanse edificar máis de 1.000 vivendas coa conseguinte permeabilización da avenida a través da apertura de novas rúas.
En segundo lugar, a cesión permitirá realizar un proxecto de mellora da seguranza viaria así como de integración urbana da avenida de Compostela que está concibida como unha vía pechada. De feito, anunciou que deu orde aos servizos técnicos para que vaian elaborando un proxecto de mellora da seguranza viaria da avenida para que se poida limitar a 30km/h (pero nunca se aplicará esta medida até que
non estea transformada fisicamente), se poida demoler o paso elevado en Pasarón e se poidan poñer elementos físicos de redución da velocidade.
En terceiro lugar, o concelleiro recordou que a cesión da N-550 permitirá avanzar no proxecto de construción da Variante de Alba. Unha vez que o Concello reciba a estrada, porá o tramo necesario a disposición da Xunta de Galicia para que constrúa a Variante. “É unha boa noticia”, afirmou César Mosquera quen recoñeceu que Pontevedra ten unha eiva no sistema viario norte da cidade ao non poder unir as estradas de Vilagarcía e de Santiago, pola falta de gálibo da PO-225.
“En resumo, a esta cesión dese tramo de 3,2 quilómetros da N-550 ao Concello resolve á cidade tres problemas moi importantes: quitar problemas á xente que ten construído aí e liberar unha edificabilidade moi substancial neste momento, que fai falta. A segunda é evitar a conflitividade e perigosidade dese tramo e facer unha integración urbana e terceiro poder construír, por fin, a variante de Alba”, concluíu César Mosquera.