O conselleiro de Educación e a alcaldesa visitan as pezas situadas no roteiro dos muíños de Salgueira e do monte de Pereiras
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, xunto coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, participou hoxe na inauguración de catro esculturas realizadas polo alumnado da Escola de Cantería de Galicia, que desde este curso funciona como centro integrado de FP.
As pezas encargadas por este concello pontevedrés son figuras graníticas que representan un leñador, un home sentado, un xabaril e un raposo, e poden visitarse no roteiro dos muíños de Salgueira e do monte de Pereiras, na parroquia do mesmo nome.
Román Rodríguez subliñou a importancia de que o traballo realizado nos centros formativos galegos, como é o caso do hoxe CIFP de Cantería, se poida visualizar por parte do conxunto da poboación. Nesta liña, o centro, como prácticas do alumnado dentro da programación didáctica destas ensinanzas, realiza diferentes obras escultóricas no marco de colaboracións establecidas.