O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta tarde na presentación do equipo Ares Racing para a tempada 2025, na que competirá no Supercampionato de España de Rallys co apoio do Grupo Breogán. Na súa intervención, salientou o protagonismo de Galicia no automobilismo e, concretamente, no Supercampionato de España de Rallys con dúas importantes citas en territorio galego como son o Rally Rías Baixas e o Rally de Ourense.
O conselleiro desexoulles os maiores éxitos aos deportistas que competirán nas diferentes probas, especialmente ao galego Iván Ares, que regresa á competición “para seguir completando un palmarés no que xa locen dous campionatos galegos, un campionato de España de Terra, dous podios no Campionato de Europa de 2020 e o Campionato de España de Rallys de Asfalto de 2017”, engadiu. Ademais, Diego Calvo agradeceulle ao Grupo Breogán a súa aposta polo deporte e incidiu na importancia crecente do automobilismo en Galicia, con 1.700 licenzas das que case 200 son femininas.