- A conselleira sinalou que este tipo de celebracións contribúen a impulsar as canles curtas de comercialización e poñer de relevo o comercio de proximidade
- Lembrou a nosa comunidade conta coa Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia para enxalzar estas elaboracións
- Salientou o completo programa de actividades que organizou a Axencia Galega da Calidade Alimentaria para dinamizar este evento
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu esta mañá á IV Feira Internacional do Mel “Alvariza” que está a ter lugar nesta fin de semana no concello pontevedrés de Lalín.
Durante a súa intervención na inauguración do evento, onde tamén estivo acompañada polo alcalde da localidade, José Crespo, a titular do departamento salientou a importancia deste tipo de celebracións, que poñen en valor as elaboracións galegas e recoñecen o bo facer dos produtores. María José Gómez asegurou tamén que este tipo de feiras contribúen a impulsar as canles curtas de comercialización e poñer de relevo o comercio de proximidade, así como a facilitar e consolidar unha boa relación entre consumidores e produtores.
Por outra banda, sinalou que o sector apícola é un dos eidos máis característicos da nosa comunidade. Seguindo esta liña, lembrou que o patrimonio etnográfico galego conserva “moitas testemuñas” da relevancia deste sector no noso territorio, como poden ser as propias alvarizas -construcións tradicionais que protexían as colmeas dos ataques dos osos e dos ventos fortes- que lle dan nome a esta festividade.
A titular de Medio Rural salientou a estreita relación entre o mel e a calidade agroalimentaria da nosa comunidade, xa que dende a Consellería do Medio Rural se impulsa, entre outros, a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, que garante a orixe deste produto e certifica a calidade en todo o seu proceso de elaboración. Fixo referencia tamén aos 254 apicultores, 44 envasadoras e case 44.000 colmeas que engloban este selo e que durante o 2023 comercializaron máis de 168.000 quilos de mel certificado, cun valor económico estimado de 1,5 millóns de euros.
Actividades organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria
Co fin de consolidar a súa aposta pola divulgación da calidade agroalimentaria, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria organizou un completo programa de actividades para dar a coñecer este tipo de distintivos. Así, a Feira do Mel contará cunha zona de catas e de demostracións de cociña con tres talleres a cargo dos chefs André Arzúa, do espazo gastronómico Abella, e José Antonio Asorey, do restaurante Onde Antonio de Lalín. Ambos os dous elaborarán pratos con produtos galegos amparados polos diferentes selos impulsados por esta Axencia, sempre tendo presente o mel, o protagonista deste evento.
A feira conta tamén cun túnel expositivo e de degustación onde estarán presentes os meles gañadores nas Catas dos Queixos e Meles de Galicia 2024. Por último, sortearanse tres lotes de produtos de Experiencias de Calidade.
Aposta polo sector apícola
Tendo en conta a relevancia do sector apícola para Galicia, Gómez lembrou que se veñen de convocar as axudas de apicultura deste 2025, que contan cun orzamento de 1,4 millóns de euros, e cuxo prazo de solicitude está aberto ata o 20 de febreiro. O obxectivo destas achegas é contribuír á protección da biodiversidade, unha cuestión na que este eido é fundamental.
Procúrase tamén modernizar este sector, a través da posta en común do coñecemento, a innovación e a dixitalización; ao mesmo tempo que se afonda na mellora da orientación ao mercado e a competitividade.