HomeXunta de GaliciaLete Lasa destaca que os máis de 200 premios entregados pola Federación...

Lete Lasa destaca que os máis de 200 premios entregados pola Federación de Ciclismo na súa gala amosan o excelente nivel do noso deporte

- Anuncio -spot_img
  • Enumera os grandes fitos de 2024 como o ránking elite con dous equipos galegos nos tres primeiros postos, as catro etapas galegas da Vuelta, a nova edición do Gran Camiño, a medalla nos Xogos de Damián Ramos e o Campionato de Europa de Ciclocrós de Pontevedra
  • A Consellería do Mar recibiu unha mención especial polo seu indispensable apoio institucional á organización do Campionato de Europa de Ciclocross 2024
  • O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na Gala do Ciclismo Galego 2025 organizada pola Federación Galega de Ciclismo que repartiu máis de 200 premios aos mellores deportistas da tempada que vén de concluír. Ademais, o mandatario galego recolleu unha mención especial para a Xunta de Galicia polo “indispensable apoio institucional na organización do Campionato de Europa de Ciclocrós 2024”.
  • A gala tivo lugar no Auditorio Reveriano Soutelo de Ponteareas, unha vila, dixo o secretario xeral, que veu nacer aos irmáns Rodríguez, “pioneiros e emblemas do ciclismo de Galicia”. Lete Lasa destacou aos irmáns Delio e Emilio, gañadores da Vuelta a España; así como a Manolo, subcampión; a Pastor, tamén ciclista e a José, futbolista. Pero sobre todo lembrou a Aurita Rodríguez, unha muller que nos anos 40 “subiuse a unha bicicleta para animar a moitas outras a facelo”.
    Grazas ao exemplo dos irmáns Rodríguez e a moitos outros, asegurou Lete, “o ciclismo galego hoxe é un referente nacional e internacional”. Neste sentido, enumerou algúns dos fitos acadados en 2024 como que o ránking elite conta con dous equipos galegos nos tres primeiros postos -o Cortizo e o Rías Baixas-; que a Vuelta a España contou con catro etapas galegas; que O Gran Camiño volveu ser unha das mellores probas do circuíto profesional; a medalla de bronce de Damián Ramos nos Xogos Paralímpicos; e, cunha énfase especial, o Campionato de Europa de Ciclocrós celebrado en Pontevedra en novembro, sendo a primeira vez que este evento tiña lugar en España.
  • Lete Lasa subliñou a importancia dun campionato que consolidou a Galicia no mapa mundial do ciclismo, non só pola medalla de prata de Felipe Orts, a primeira para España nun europeo, senón polos éxitos galegos que acadaron tanto os deportistas de maior idade con catro medallas máster, así como os rapaces e rapazas máis novos. Miguel Rodríguez, Lorena Patiño e Aroa Otero, todos eles sub 23, acadaron o bronce coa selección española na proba Team Relay. “Que o ciclismo sexa de todos e de todas provoca que as licenzas federativas se teñan multiplicado por oito dende 2009”, apuntou.
  • Premio á Consellería do Mar
  • Tamén asistiu a esta cita, en representación da Consellería do Mar, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, que recolleu unha mención especial para o departamento autonómico polo seu indispensable apoio institucional na organización do Campionato de Europa de Ciclocross 2024. A directora xeral puxo en valor a importancia da práctica do deporte para a saúde e o benestar das persoas, algo que se pretende trasladar desde a campaña autonómica GALICIA SABE AMAR, na que se promocionan a calidade e sabor dos produtos pesqueiros galegos.
  • Nesta liña, recordou que estes alimentos conteñen unha importante presenza de nutrientes esenciais dentro dunha dieta equilibrada que, ademais, permiten previr doenzas repercutindo positivamente na calidade de vida da cidadanía. Para afondar nesta mensaxe, as foodtrucks que están a levar esta iniciativa por todo o territorio galego están recalando nas principais citas deportivas da comunidade co obxectivo de de unir dous hábitos saudables moi saudables como son a práctica de deporte e o consumo de peixe e marisco de xeito regular.

Publicacións Relacionadas