O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor a puxanza do tecido económico de Valga e reflexionou sobre a capacidade que ten Galicia de ter empresas competitivas ao longo de todo o territorio, e non só nas grandes cidades ou en determinadas áreas.
Así o sinalou durante o tradicional almorzo con empresarios da localidade que se organiza con motivo do San Blas. Alí explicou algunha das medidas que ten en marcha a Xunta para facilitar a iniciativa privada como o solo industrial gratuíto os primeiros 8 anos, as novas figuras de aceleración de solo industrial ou a formación flexible e á carta para casar a oferta e a demanda de emprego. Na súa intervención, tamén agradeceu aos empresarios o seu compromiso por xerar riqueza e emprego no territorio e recordou a disposición da Xunta para escoitar as súas demandas e necesidades.