O ORAL encargarase da xestión e recadación dun total de 60 conceptos de taxas de 30 concellos da provincia, que se poderán pagar en período voluntario ata o 7 de abril
Trala publicación da exposición pública no Boletín Oficial da Provincia, a Deputación de Pontevedra inicia este mércores 5 de febreiro, a través do seu servizo de xestión e recadación tributaria ORAL, a cobranza en período voluntario dun total de 60 taxas e prezos públicos de 30 concellos da provincia de Pontevedra. As persoas interesadas poden consultar os datos no seu concello ou na oficina do ORAL correspondente ata o 5 de marzo, mentres que o período para realizar o pago neste período se estende ata o 7 de abril.
Na comarca de Deza e Tabeirós-Terra de Montes xestiónanse taxas e prezos públicos de Agolada (escaparates, letreiros e entrada de vehículos de 2024 e recollida de lixo do terceiro trimestre do ano pasado), Dozón (recollida de lixo do cuarto trimestre de 2024), A Estrada (servizos no matadoiro, lonxas e mercados e postos de venda e outros do primeiro semestre de 2025, e canón de auga, sumidoiro e mantemento e recollida do lixo urbano do terceiro trimestre de 2024), Lalín (postos da Praza de Abastos e recollida do lixo do cuarto trimestre do pasado ano), Rodeiro (recollida do lixo do segundo semestre de 2024) e Silleda (sumidoiros, depuración, cota de conservación de contadores e acometidas e canón de auga de 2024).
Na comarca do Morrazo, xestiónanse as seguintes taxas do concello de Moaña: o segundo trimestre do curso 2024-2025 da Escola de Música, os meses de outubro a decembro de 2024 de ximnasia e ioga, o cuarto trimestre de 2024 dos postos de venda e outros, e a entrada de vehículos no ano 2025.
Na área de Pontevedra, xestiónanse taxas de Barro (sumidoiros, depuración e canón de auga do cuarto trimestre de 2024 no Polígono e recollida do lixo no segundo semestre do ano), Caldas de Reis (recollida do lixo no segundo semestre de 2024), Cuntis (sumidoiros e canón de auga do terceiro trimestre de 2024), Portas (recollida do lixo do segundo cuadrimestre de 2024), Poio (entrada de vehículos e cemiterios de 2024) e Sanxenxo (entrada de vehículos de 2024 e recollida do lixo do primeiro trimestre de 2025).
Na área do Salnés xestiónanse taxas de Cambados (letreiros, escaparates, elementos de construción pechados, balcóns, terrazas e marquesiñas, toldos, paraventos e semellantes; recollida do lixo e entrada de vehículos do primeiro cuadrimestre de 2025), Catoira (sumidoiros, depuración e canón de auga do terceiro trimestre de 2024), Meis (entrada de vehículos de 2024 e recollida do lixo do segundo semestre de 2024), Valga (recollida de lixo e sumidoiros do primeiro trimestre de 2025) e Vilanova de Arousa (recollida, traslado, tratamento e eliminación do lixo do primeiro cuadrimestre de 2025).
Na zona de Vigo e o sur da provincia xestiónanse taxas de Arbo (postos da Praza de Abastos de xullo a setembro de 2024, entrada de vehículos e recollida de lixo do segundo semestre de 2024 e sumidoiros, mantemento e canón de auga do segundo cuadrimestre de 2024), A Cañiza (recollida de lixo e sumidoiros e canón de auga do terceiro trimestre de 2024), Crecente (sumidoiros e recollida do lixo do segundo semestre de 2024, e postos da Praza de Abastos e entrada de vehículos de todo 2024), A Guarda (canón de auga do terceiro trimestre de 2024), Mondariz (recollida do lixo, traslado, tratamento e eliminación de lixo e entrada de vehículos de 2024, e canón de auga do segundo cuadrimestre de 2024), As Neves (canón de auga do terceiro trimestre de 2024). Así como de Pazos (recollida do lixo de 2024 e canón de auga e sumidoiros do segundo cuadrimestre de 2024), O Porriño (postos públicos do segundo semestre de 2024), Ponteareas (postos públicos e da Praza de Abastos do terceiro trimestre de 2024), O Rosal (canón de auga e sumidoiros do segundo cuadrimestre de 2024), Soutomaior (entrada de vehículos de 2024) e Tui (entrada de vehículos de 2024 e entrada de vehículos do cuarto trimestre de 2024).
Pódese proceder aos pagamentos a través da Oficina Virtual Tributaria do ORAL, a aplicación móbil de pagamentos da Deputación, na caixa das entidades colaboradoras (ABANCA, Banco Santander, BBVA, CaixaBank, Ibercaja Banco, Sabadell e Unicaja Banco), e tamén nos caixeiros automáticos ou por Internet se dispoñen dese servizo ou nas oficinas de atención presencial. No caso dos recibos domiciliados, faranse chegar ás entidades financeiras para o cargo en conta. De non proceder ao pago en período voluntario, a partir do día seguinte do remate do prazo incluirase, ademais da débeda, un recargo do 5%.