O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, adiantou hoxe que nesta edición do medio maratón haberá medalla para as persoas que crucen a meta, en recoñecemento ao seu esforzo, traballo e superación persoal
Conta atrás de cara á XVII edición da C21, que terá lugar este domingo 9 e no que xa se inscribiron máis de 1.900 persoas, ás que se sumarán outras tantas que fixeron o propio na carreira da 5K, que complementa ao medio maratón, que sairá do Obelisco ás 9.30 horas.
As e os atletas que participen nas probas deste domingo poderán recoller a súa camiseta, xunto co dorsal e a bolsa de corredor, no quinto andar do Corte Inglés da Coruña (rúa Ramón y Cajal, 57), onde está situado o departamento de Deportes. O horario de recollida habilitarase tanto este venres 7 (17.00 a 22.00 horas) como o sábado 8 (10.00 a 22.00 horas).
Ademais, tamén se poderán recoller o propio día da carreira, desde as 8.30 horas, na carpa que se habilitará no Obelisco ata os intres previos á proba.
Unha medalla en recoñecemento ao esforzo por rematar a proba
Ademais, nesta edición da C21, como novidade, as persoas que crucen a meta poderán disfrutar da súa medalla de finisher da carreira, un recoñecemento ao esforzo, traballo e superación persoal que supón a realización do medio maratón.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou as boas cifras de inscrición rexistradas nesta nova convocatoria da C21, na que competirán atletas galegos e tamén chegados desde outros puntos do país, como Asturias, Euskadi, Castela e León, Andalucía, Catalunya e Madrid.