A guía, elaborada pola Rede Municipal de Información Xuvenil, complementa a celebración das Xornadas de Orientación Artística e Profesional que terán lugar entre os días 17 e 24 na Coruña
A organización das XOAP, que este ano chegan á súa segunda edición, conta coa colaboración dos centros públicos de FP da cidade e da Escola Superior de Deseño Pablo Picasso
O Concello vén de publicar na web municipal a guía ‘Ti elixes’ 2025, unha ferramenta divulgativa coa que o Goberno de Inés Rey busca achegarlle información de primeira utilidade ao alumnado dos centros educativos ao abeiro das Xornadas de Orientación Artística e Profesional (XOAP), que terán lugar entre os días 17 e 19 de febreiro na Coruña.
A guía, elaborada polo equipo de profesionais da Rede Municipal de Información Xuvenil, axuda a resolver dúbidas recorrentes en relación cos estudos, bolsas e axudas de educación secundaria, formación profesional e títulos superiores e universitarios. “Tamén facilita recursos á hora de buscar emprego e no referente ás titulacións de idiomas”, precisou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego.
Neste sentido, Borrego subliñou a importancia de “axudar e orientar as alumnas e alumnos na súa toma de decisións de cara ao futuro”, motivo polo que se convocan as XOAP, que este ano chegan á súa segunda edición, coa colaboración dos centros públicos de FP da cidade e da Escola Superior de Deseño Pablo Picasso.
As XOAP 2025, ideadas para as e os estudantes da ESO e bacharelato, celebraranse os días 17, 18, 19 e 24 de febreiro. Os tres primeiros días, haberá visitas ás instalacións dos centros públicos de FP e á EASD Pablo Picasso, con charlas informativas. Ademais, o mércores 19 (17.30 horas) tamén terá lugar unha xornada informativa sobre os estudos superiores de deseño en Galicia, queterá lugar na EASD Pablo Picasso. E xa o luns 24 (18.00 horas), o Fórum Metropolitano acollerá unha charla sobre os ciclos de FP básica. A información completa sobre as XOAP 2025 pode consultarse a través desta ligazón.
O alumnado asistente ás sesións recibirá a súa guía ‘Ti elixes’ 2025, que, como lembrou o concelleiro, tamén está habilitada xa para descargar en formato dixital na web do Concello, co fin de facilitar a súa consulta.