O presidente provincial, acompañado pola alcaldesa e deputada María Ramallo, comproba o remate dunhas obras que melloran a imaxe, a accesibilidade e a eficiencia enerxética dunha das instalacións máis empregadas polos clubs deportivos da vila
“Hai un ano estabamos neste pavillón para presentar o proxecto. Catorce meses despois, estamos novamente aquí para comprobar que cumprimos co noso compromiso de mellorar as instalación deportivas”, afirma Luis López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, inaugurou este martes a mellora da imaxe, accesibilidade e eficiencia enerxética e do pavillón deportivo da Cañota, en Marín, froito da colaboración entre as administracións provincial e municipal cun investimento total de 660.000 euros. O mandatario provincial, xunto coa alcaldesa e deputada María Ramallo, visitou esta instalación, unha das máis usadas por distintos clubs deportivos da vila, cuxos representantes tamén participaron neste acto de inauguración. “Hai pouco máis dun ano estabamos neste mesmo pavillón para presentar o proxecto de mellora. Hoxe, catorce meses despois, estamos novamente aquí para comprobar que cumprimos co noso compromiso, que é mellorar esta instalación deportiva, cumprir co proxectado en tempo e forma e colaborar co Concello para ofrecer á veciñanza uns servizos de primeira”, afirmou o presidente da Deputación.
A obra, rematada antes da data de expiración do convenio, que era o 30 de abril, consistiu nunha tripla intervención. Por un lado, repuxéronse as carpinterías exteriores, instaláronse paneis solares e a actuouse na cuberta e na fachada para mellorar o illamento térmico. Por outro, procedeuse á substitución das tres portas de acceso ao pavillón para facelas máis seguras e accesibles, ao tempo que se mellorou a conexión do inmoble coa rúa. Así mesmo, levouse a cabo unha homoxeneización dos acabados cuns materiais sinxelos, limpos, duradeiros e de fácil mantemento para facelo máis harmonioso coa contorna. Unha reforma integral que supuxo o investimento de 660.000 euros a través do programa provincial PON2030, dos que a Deputación achegou o 70 %, uns 460.000 euros; e o Concello os 200.000 euros restantes.
Na execución deste proxecto “en tempo e forma” xogou un papel fundamental a alcaldesa e deputada provincial responsable do departamento de Cooperación Local, María Ramallo. “É de xustiza recoñecer o labor dunha das responsables de que esta obra se fixera realidade. Traballar con persoas como María Ramallo é un pracer porque a súa dedicación e profesionalidade fan que ata os proxectos máis complexos parezan máis sinxelos”, salientou o presidente López.
Neste sentido, o mandatario provincial reafirmou o compromiso da Deputación para seguir colaborando cos concellos na mellora dos servizos á cidadanía e, neste caso, en proxectos de mellora das infraestruturas deportivas da provincia a través de plans como o segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Un programa que neste 2025 conta cuns recursos redobrados, un orzamento de 8 millóns de euros, dos que o Concello de Marín recibirá un total de 227.300 euros. Ademais, lembrou Luis López, a aposta do goberno provincial polo deporte vai máis aló da mellora das instalacións, tamén inclúe a organización de eventos deportivos de interese xeral, como O Gran Camiño no que o Concello de Marín será protagonista este ano ao acoller a saída dunha das cinco etapas que integran esta carreira ciclista internacional.
“Estamos diante dunha nova mostra de que esta Deputación cumpre co seu compromiso de executar proxectos transformadores en tempo e forma, coa estratexia de apostar polo deporte e coa vocación de tender pontes cos concellos”, concluíu o presidente Luis López.