Os pregos do contrato establecen un horario de atención de 20.00 a 12.00 horas, con énfase no acompañamento ás persoas usuarias e tamén nos procesos de inclusión social e transición a unha vida máis autónoma
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este mércores a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, que aprobou a saída a concurso do servizo de atención ás persoas sen fogar no Centro Social de Atención Continuada, na avenida de Labañou.
Esta instalación, de xestión municipal, habilitouse tras a reforma parcial do antigo albergue da Institución Benéfico Social Padre Rubinos, unha intervención executada polo Concello en virtude do acordo subscrito previamente entre ambas as partes. A rexedora lembrou que o convenio de colaboración para recuperar o edificio “tiña un obxectivo claro: adecuar este espazo para o seu uso social e asistencial, atendendo as necesidades actuais das persoas usuarias”.
Agora, o Goberno municipal vén de establecer as pautas do servizo de atención, no que se levará a cabo un investimento de máis de 616.000 euros entre este ano e o 2027. A alcaldesa recalcou que o contrato será prorrogable anualmente por outros dous anos máis.
Un dos aspectos máis destacados do servizo de atención ás persoas sen fogar no Centro Social de Atención Continuada é a cobertura asistencial, que se prestará de luns a domingo, de 20.00 a 12.00 horas, polo que a prestación diaria será de 16 horas.
Un obxectivo clave: dar apoio profesional cara a unha vida normalizada
En base ao acordo subscrito coa Institución Benéfico Social Padre Rubinos, o Concello ostenta, en réxime de cesión, as instalacións do antigo albergue —unha superficie de case 2.000 metros cadrados—, que acollen agora o Centro Social de Atención Continuada tras a rehabilitación parcial completada o pasado verán.
Neste sentido, o Centro Social de Atención Continuada complementa os demais recursos cos que conta o Concello para atender a persoas en situación de exclusión social, permitindo que dispoñan de espazos de descanso. Ademais, entre as novas dependencias creadas destacan as salas polivalentes que se habilitaron para as persoas usuarias, así como o ambigú e aseos.
Fondos para acondicionar o Camiño do Cura, nos Rosales
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a participación do Concello no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos (POS) da Deputación, solicitando achegas para cofinanciar dúas intervencións previstas para este ano: o acondicionamento do Camiño do Cura, no barrio dos Rosales; e a primeira fase de construción da rede de saneamento separativa no núcleo de Eirís de Abaixo.
Os traballos para urbanizar e mellorar a accesibilidade no Camiño do Cura forman parte dos compromisos asumidos polo Goberno de Inés Rey coa veciñanza dos Rosales neste mandato. “Somos conscientes de que é unha intervención agardada dende hai tempo, necesaria para conectar adecuadamente as rúas Simón Bolívar e Alfonso Rodríguez Castelao. E así o faremos. Habilitarase un novo percorrido peonil accesible, modernizarase a rede de pluviais e tamén renovaremos a rede de alumeado público ao longo do camiño”, explicou a alcaldesa.
O investimento previsto na intervención no Camiño do Cura é de máis de medio millón de euros. A previsión do Concello é dispor case 400.000 euros en fondos municipais e contar con 141.000 correspondentes ás achegas do POS da Deputación.
Melloras no núcleo de Eirís de Abaixo
Ademais do Camiño do Cura, o Concello tamén solicitou fondos do POS para acometer a construción dunha rede separativa en Eirís de Abaixo, con novos colectores de pluviais que axudarán a aliviar as tubaxes unitarias existentes, que pasarán a recoller só augas residuais.
O plan de actuacións no núcleo tamén contempla a renovación do firme nas rúas de Eirís de Abaixo, diferenciando os espazos peonís e a calzada nunha plataforma compartida única.
Cunha previsión de investimento de 371.000 euros, o Concello achegaría 234.000 euros e conta con aplicar fondos do POS por valor de 137.000.
Novos usos para a superficie comercial do Espacio Coruña
Tamén este mércores, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á aprobación inicial da modificación puntual da ordenanza de usos comerciais na superficie que actualmente ocupa Espacio Coruña, unha medida solicitada particularmente polo equipo de representación do centro comercial co obxectivo de facilitar novos usos na instalación e, así, adaptar os espazos dispoñibles ás demandas actuais, en termos de facelo máis funcional para acoller oficinas, almacéns e salas de reunións, entre outros equipamentos.