O Bloque Nacionalista Galego rexistra novas iniciativas no Parlamento de Galiza para instar ao Goberno galego a atender con urxencia a grave situación sanitaria que sofre o concello de Ribeira. A deputada do BNG, Rosana Pérez, e o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, acompañados do grupo municipal nacionalista denunciaron o colapso do sistema sanitario na localidade e demandaron solucións inmediatas para garantir unha atención sanitaria digna á cidadanía.
Rosana Pérez subliñou que “a situación sanitaria en Ribeira é insostíbel e, lonxe de mellorar, non fixo máis que empeorar nos últimos meses. O Goberno galego comprometeuse a reforzar a sanidade pública, pero a realidade é que seguimos cunha falta alarmante de profesionais”. A deputada nacionalista lembrou que o centro de saúde de Ribeira atende a máis de 18.500 persoas maiores de 15 anos con tan só dez médicos cando deberían ser quince, e que a situación en Aguiño é aínda máis crítica. “Desde outubro, a Consellaría non foi quen de cubrir de xeito permanente ningunha das dúas prazas médicas en Aguiño, obrigando a trasladar persoal desde Ribeira e agravando o colapso asistencial”, advertiu.
Pola súa banda, o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, amosou a súa preocupación pola falta de previsión da Xunta ante as xubilacións e as vacantes que levan anos sen cubrir. “Se non se adoptan medidas urxentes, o centro de saúde de Ribeira quedará nunha situación totalmente inasumíbel para garantir unha atención sanitaria mínima”, alertou. O rexedor informou que actualmente a profesional que hai en Aguiño está derivada de Ribeira por tanto estase trasladando un problema dun lugar a outro. Pérez Barral puxo en valor a mobilización constante da veciñanza para denunciar esta situación e esixir solucións reais por parte do Goberno galego e manifestou ao respecto que “como alcalde de Ribeira vou estar a carón da veciñanza, porque é o meu deber como representante público dos veciños e das veciñas”.
Desde o BNG esíxese que se cubran de inmediato todas as ausencias do persoal médico no centro de saúde de Ribeira e que se ocupen de xeito permanente as dúas prazas vacantes en Aguiño. “Non podemos permitir que a sanidade pública siga en caída libre mentres a Xunta de Galiza mira cara outro lado. A saúde da xente está en xogo e non imos parar ata que se adopten solucións reais”, concluíu Rosana Pérez.