A peza do s. III d.C. pode visitarse no Salón de Plenos do Concello de luns a venres de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas e os sábados e domingos de 9:30 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas
A mesa preside unha exposición con achádos do castro de Panxón, de onde procede o mosaico, e tres fotos do tempo no que foi propiedade da familia Blanco Cicerón, na Coruña
“Celebramos o regreso a Nigrán desta xoia arqueolóxica como ben públicodo que sentírmonos orgullosos e agardamos que a veciñanza se achegue a coñecela de preto ”, sinala o alcalde, Juan González
O recentemente recuperado mosaico romano de Panxón (S.III d.C.) preside xa o Salón de Plenos do Concello de Nigrán para o deleite de quen desexe contemplar de preto ao xa famoso peixe e debater con criterio se é muxo ou robaliza. Atrás queda un periplo de máis de 1.800 anos, 14.112 km e un lustro de trámites para traelo de volta a casa desde New York. A peza, que se exhibe xunto a outros achados realizados na zona do castro de Panxón, é visitable de luns a venres de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas e os sábados e domingos de 9:30 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas. Dentro dun par de meses instalarase na Biblioteca Municipal como fogar definitivo.
“Celebramos o regreso a Nigrán desta xoia arqueolóxica como ben público do que sentírmonos orgullosos e agardamos que a veciñanza se achegue a coñecela de preto, estamos ante un fito cultural sen precedentes na comarca e que hai que celebrar, non é nada habitual recuperar patrimonio perdido de semellante valor. O mosaico está felizmente na súa casa e xa constitúe un emblema para Nigrán”, sinalou o alcalde, Juan González, durante a inauguración da exposición esta mañá na que estivo acompañado por veciñanza de Panxón e usuarios de Juan María Empleo S.L., xa que traballarán na sala como asistentes contratados polo Concello.
A mesa co devandito mosaico preside un salón de plenos musealizado por Árbore Arqueoloxía e onde figuran restos vinculados coa historia do castro de Panxón (cerámicas e un concheiro), réplicas de obxectos cerámicos da época, muíños de pedra atopados en Panxón, imaxes dalgúns dos restos máis icónicos deste castro e que se atopan en diferentes museos (ara a Mercurio, outro trozo dun mosaico, un puñal óseo, obxectos decorativos…) e, como curiosidade, tamén acompañan a exposición tres imaxes cedidas por Erea Castro do periodo no que o mosaico estivo na casa de Ricardo Blanco Cicerón na Coruña, unha etapa na que foi propiedade desta familia, que o empregaba como mesa de estudo. O propio Benito Vilas, arqueólogo de Árbore, ofrecerá visitas guiadas á mostra os fins de semana ás 10:00, 12:00 e 18:00 horas, e para quen desexe coñecer máis sobre Panxón, organiza tamén visitas guiadas pola parroquia os sábados e domingo ás 13:30 horas (saídas desde o Templo Votivo). Igualmente, o Concello ofrece a posibilidade de concertar visitas de grupo noutros horarios contactando no 986365000 ou no mail visitaspanxon@gmail.com.
“Queríamos que se contextualizase nunha exposición a importancia da peza e as súas vicisitudes e que resulte unha experiencia educativa, esta é a mellor forma de protexer o noso patrimonio: divulgando o seu valor”, explica González.
O mosaico mide 84×84 cm e está embutido nunha mesa feita no século XIX ao efecto de preservalo, sendo o único fragmento que se conserva dun pavimento que se sabe moito maior. Este anaco consérvase intacto e representa maxistralmente mediante coloridas teselas de mármore a fauna mariña, destacado un colosal peixe de 77 cm e unha parella de ameixas (ou unha única ameixa, non está claro), un tema único nos achados de toda a área metropolitana.
A esta xoia perdéraselle a pista despois dunha poxa pública no ano 2000 na Galería Castellana de Madrid ata que reaparece no ano 2018 á venda no catálogo da casa Carlton Hobbs de New York. Desde ese intre, o Concello de Nigrán puxo en marcha o engrenaxe para recuperala e, a partir de 2019, da man de Gonzalo Fernández-Turégano, oriúndo da Ramallosa (Nigrán) e quen constituíu a Asociación para la Repatriacion del Mosaico Romano de Panxón co fin de axilizar os trámites. Así, o Concello de Nigrán achegou a esta entidade 40.000 € dos 58.000 € que custou a súa compra coa condición indispensable de que pasase a formar parte do patrimonio municipal e, como tal, se expuxese nun espazo público da localidade. A epopea do mosaico arranca en xaneiro de 2022 na galería Carlton Hobbs de New York, cando embarca cara a súa sucursal en Londres, onde permaneceu máis dun ano paralizado pola burocracia extra do Brexit e, ao fin, chegase a Madrid o pasado 28 de novembro. Alí, na céntrica galería Colnaghi, entre Sorollas, Zuloagas e un Caravaggio, permaneceu exposto ata que hai 15 días emprendese o seu retorno definitivo cara o seu fogar, Nigrán. Agora, tras requirilo Concello e a asociación, está en trámites de ser declarada BIC (Ben de Interese Cultural) por parte da Xunta de Galicia para así protexela ao máximo.
Formaba parte dunha villa romana
Este mosaico foi documentado polo miúdo nos anos 70 polo prestixioso arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo, quen no seu artigo “De novo sobre o Mosaico de Panxón e outras novas sobre a Musivaria na Gallaecia” relata a súa importancia e as súas vicisitudes. Así, segundo el mesmo expón, grazas a manuscritos do século XIX entregados por Xosé María Álvarez Blázquez, se sabe que a peza apareceu “en el sitio llamado el Castro” de Panxón pertencendo primeiramente a “Dª Umbelina González Lavandeira, viuda del Sr. De Puga”, quen o tiña “en su casa de campo de la parroquia de S. Juan de Panjón” (os historiadores coinciden en que nesta zona existía unha importante villa no Baixo Imperio Romano, xa que tamén apareceron ánforas, moedas, un ara a Mercurio…). En principio, o fragmento era máis grande, pero como o tiñan pola finca tirado, foron rompéndoselle partes, polo que os donos optaron por usalo para facer unha mesa. O escrito do s. XIX dí así: “… está sirviendo de cubierta de una mesa con el objeto de que no se estropease porque según me dijeron era mayor y como estuviese tirado lo iban destrozando, y para evitar su total desaparición han hecho aquella dándole la forma de cajón embutiendo en ella el mosaico siendo este de un metro cuadrado y 20 cm de espesor…”.
Cara finais do século XIX o mosaico (é decir, a mesa co mosaico) pasa a formar parte da colección Blanco-Cicerón (mediante compra), onde parece que se conserva durante todo o século XX. No ano 2000 aparece para ser subastado na Galería Castellana de Madrid: lote nº 664 “mesa con mosaico romano”, desaparecendo ata o ano 2018, cando reaparece á venda no catálogo da casa Carlton Hobbs e comeza unha súa epopea de regreso a casa e xa como ben público.