A prensa pertenceu ao artista pontevedrés Ángel Bravo Cuevas, quen adicou toda a súa vida ao gravado. Trátase dun ‘Azañón’, marca española de referencia mundial nesta disciplina artística
“O meu pai estaría moi feliz de saber que o seu tórculo está ao servizo de persoas que queren aprender a facer gravados porque el tiña una clara vocación didáctica”, explica a súa filla, Isabel Bravo
A Escola Municipal de Gravado do Concello de Nigrán ven de gañar un auténtico ‘Ferrari’ dos tórculos grazas a unha doazón particular. Esta lotería ven da man de Isabel Bravo e os seus cinco irmáns, quenes decidiron agasallar á escola coa prensa de calcografía da prestixiosa marca española Azañón que empregaba o seu pai, o artista pontevedrés Ángel Bravo Cuevas, falecido en 2007. Este tórculo xa está operativo no faro de Gaifar xunto ao seu xemelgo, un Azañón idéntico adquirido no ano 2023 polo Concello de Nigrán cun investimento de 5.700 €, outro pequeno tórculo e unha prensa vertical.
“A escola gañou este ano un lugar privilexiado para as súas clases despois de rehabilitarse o faro de Gaifar e agora vense de nutrir cunha prensa espectacular”, sintetiza o rexedor, Juan González, sobre esta actividade artística municipal única en Galicia á que asisten 20 alumnos e alumnas e que leva 17 anos funcionando en Nigrán (desde hai 6 independizada da de Pintura).“Esta incorporación permite que as clases sexan moito maís dinámicas porque optimizamos moito os tempos”, explica a profesora, Ana Barbará, quen enfatiza que “a marca Azañón está recoñecida como a mellor do mundo”.
Ángel Bravo Cuevas, natural de Turégano (Segovia) chegou aos 11 anos a Pontevedra, entrando en contacto na súa mocidade cun grupo de afeccionados ao gravado en linóleo liderado por Castelao, quen introduxo esta técnica despois de coñecela nunha viaxe por Europa. Xunto a eles forma parte da ‘Escuela de Linoleístas de Pontevedra’ e colabora na revista Spes. A afección polo gravado xa non o abandonará durante toda a súa vida, establecendo un taller propio na súa xubilación que mantén ata o seu falecemento, con 80 anos, e formando parte do colectivo GRAPH. “O meu pai era autodidacta. El era empresario textil, pero o que de verdad lle interesaba era o mundo artístico. Empezou coa plumilla, continuou co gravado en linóleo e a punta seca e especializouse posteriormente en aguafuertes”, explica a súa filla Isabel, quen destaca a súa inclinación por ensinar e difundir entre a sociedade esta disciplina artística. “Deu clase de gravado na Deputación e mantivo sempre esa vocación de mestre, polo que estaría moi feliz de saber que o seu tórculo está ao servizo de persoas que queren aprender a facer gravados”, engade.
O tórculo funciona xa na sede da escola municipal de gravado tras unha sinxela posta a punto despois dunha década sen uso. “Eu fixen algo de gravado pero decanteime máis pola cerámica, teño unha sobriña en Madrid que si que fai. O vículo emocional meu e da miña familia con esta prensa é moi grande, por iso queríamos que seguise en uso, e nada mellor que nunha escola municipal ubicada ademáis nun sitio tan bonito”, sintetiza Isabel, veciña de Gondomar e quen se decantou por esta opción ao coñecer a unha das alumnas da escola.
“Non podemos máis que agradecer esta doazón e comprometernos a divulgar a figura de Ángel Bravo Cuevas entre a veciñanza e, especialmente, entre o alumnado de gravado”, sinala o rexedor, quen recentemente recibíu tamén a doazón do piano de Alfonso Álvarez Cáccamo (falecido en 2024) para a Escola de Música Municipal.