- Os locais hostaleiros interesados en participar poderán inscribirse antes do 1 de marzo de forma presencial, por correo electrónico ou teléfono
- Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, destaca que as xornadas complementaranse con actividades paralelas, decoración e música pola rúa coa idea de instaurar “Bueu como capital do Polbo”
O Concello de Bueu volverá organizar as II Xornadas de Exaltación do Polbo que se celebrarán durante o mes de maio e que buscarán poñer en valor o polbo da vila. Por este motivo ábrese un prazo de inscrición ata o 1 de marzo para que os locais de hostalaría local interesados poidan participar. As vías de inscrición son tres: ou ben por correo electrónico silvia@concellodebueu.gal indicando no asunto “Xornadas do Polbo”, de xeito presencial no 2º andar do Concello de Bueu ou no teléfono móbil 663250166.
Segundo destaca Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, o obxectivo é “atraer máis persoas e para iso este ano contaremos con máis actividades paralelas durante as xornadas, ademais de decoración e música pola rúa, todo coa idea de instaurar Bueu como capital do Polbo”.
As xornadas celebráronse o pasado ano cunha gran acollida e substitúen á Festa do Polbo, que levaba xa unha vintena de edicións ás costas e que demandaba un cambio de formato. Ante iso, dende o Concello e conxuntamente coa Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu, decidiu crearse este formato co fin de desestacionalizar a proposta e promover tamén a hostalaría local.
Dado que o máis atractivo da festa eran as tradicionais e orixinais especialidades elaboradas con polbo, este seguirá sendo o seu distintivo. Así, durante dez días de finais de abril cada local participante na nova iniciativa ofertará un prato no que o Polbo de Bueu sexa o protagonista. Que o polbo sexa da vila é un dos requisitos principais, e o Concello, man a man coa Confraría, subvencionará unha parte do prezo do produto.