Interpretaranse composicións de Strauss, Mozart ou Chapí
A Banda Municipal de Música da Coruña actuará este xoves 13 de febreiro a partir das 20.00 horas no auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Trátase dunha gala lírica con acceso gratuíto na que a formación estará acompañada por oito estudantes do Conservatorio Superior de Música da Coruña (CMUS).
“A Banda Municipal é un dos grandes expoñentes culturais da nosa cidade e desde o Goberno de Inés Rey seguimos achegando a súa arte a toda a cidadanía, con actuacións especiais e singulares como a deste xoves no Ágora”, sinala Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. A formación e os oito alumnos e alumnas da aula de canto do CMUSfarán un concerto con composicións de dous xéneros musicais diferentes: ópera e zarzuela.
A Banda Municipal estará dirixida por Juan Miguel Romero Llopis, que este pasado domingo na actuación que ofreceu o conxunto no Teatro Colón xa adiantou ao público o repertorio. As voces masculinas e femininas mesturaranse para dar forma a composicións de músicos como Strauss, Mozart ou Gounod, na parte da actuación dedicada á ópera. Por outra banda, haberá zarzuelas de Chapí, Soutullo e Vert ou Moreno Torroba.
A actuación forma parte do Ciclo de Inverno da Banda Municipal de Música, que engade o Ágora dentro da súa ampla oferta de actuacións, con convidados especiais, que se celebran todos os meses no Teatro Colón.