A tecnóloga dos alimentos, nutricionista e divulgadora afondou co público nos bulos que rodean á alimentación e como enfrontarse a eles
A Semana da Educación continúa este mércores 12 abordando a intelixencia emocional en infancia e adolescencia da man de Rafa Guerrero. Ás 19.00 horas no auditorio de Goián de balde
A ciencia non necesita que creas nela para funcionar, pero a desinformación que a rodea pode condicionar en moitas ocasión a saúde. Con esta idea, a tecnóloga dos alimentos, nutricionista e divulgadora Beatriz Robles enganchou ao público na décima edición da Semana da Educación de Tomiño, onde afondou nos bulos e mentiras que rodean á alimentación e como enfrontarse a eles.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou a importancia de eventos coma este para fomentar o pensamento crítico na sociedade. “Nun mundo onde a información circula rápido e sen filtros, aprender a diferenciar os datos reais dos bulos é clave, especialmente nun tema tan sensible como a alimentación”, asegurou.
Ademais, coincidindo co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, González lembrou a necesidade de seguir derrubando barreiras de xénero no eido científico e tecnolóxico. “As mulleres e as nenas continúan atopando dificultades para acceder a carreiras STEM, por iso é fundamental promover modelos que inspiren, apoiar programas específicos e fomentar a diversidade”, sinalou. Durante o acto proxectouse un saúdo especial da matemática Clara Grima, quen xa participou en anteriores edicións da Semana da Educación.
Durante o encontro, Beatriz Robles advertiu que “a desinformación alimentaria pode ser a porta de entrada para outro tipo de desinformación” e explicou como as estratexias comerciais e os sesgos cognitivos condicionan as nosas eleccións, alertando sobre o impacto que poden ter na saúde. As cifras o demostran: 950.000 mortes anuais están relacionadas cunha dieta inadecuada, 153.000 coa inactividade física e 300.000 co consumo de alcol, por exemplo.
A experta recomendou ferramentas para combater o bombardeo de información non veraz, mentiras, bulos ou mitos que en moitas ocasións promove a propia industria para ampliar a súa cota de mercado. Ela teno claro: “Se algo soa demasiado ben para ser certo, se é demasiado bo, se xera medo inmediato… deben saltarnos todas as alarmas. Verificar a información para pasar de ser soldados a barreiras contra a desinformación e un pensamento crítico son fundamentais”.
“Comer ben agora é unha cuestión de resistencia activa, algo que non debería pasar. E é máis doado cambiar de relixión que de dieta, porque a nosa dieta representa moito máis que simplemente o que comemos”, recalcou.
Robles é licenciada en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, con Máster Internacional en Auditoría de Seguridade Alimentaria, nutricionista e escritora, Robles é experta en seguridade alimentaria e divulgadora comprometida con promover unha alimentación segura baseada en evidencia científica. Docente na Universidade Isabel I, é tamén colaboradora habitual en medios programas como Saber Vivir de RTVE, El Comidista ou Maldita.es. Ademais, en 2020 publicou o libro ‘Come seguro comiendo de todo’.
A Semana da Educación de Tomiño continúa este mércores 12 de febreiro cunha nova xornada centrada na intelixencia emocional en infancia e adolescencia, da man do experto Rafa Guerrero. A conferencia será ás 19:00 horas no Auditorio de Goián con entrada de balde e aberta a todos os públicos.