O deputado provincial Jorge Cubela visitou hoxe co alcalde Andrés Díaz as instalacións, que se transformarán grazas ás achegas do Plan +Provincia e o II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
O Concello de Ponte Caldelas recibirá este ano ao abeiro do plan un 130% máis recursos que na edición anterior, cando obtivo 48.000 euros
O deputado provincial Jorge Cubela, xunto co alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, visitou a zona deportiva de Chan da Barcia, onde anunciou que a Deputación aprobará na Xunta de Goberno deste venres unha inxección económica de preto de 180.000 euros para a adecuación da pista de tenis e a construción dunha pista de pádel. Farao a través de 110.000 euros do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que está dotado con oito millóns de euros (o dobre que na súa primeira edición), un programa co que a institución provincial está a transformar e modernizar os equipamentos deportivos da provincia. De feito, o Concello recibirá este ano un 130% máis de recursos ao abeiro deste plan que na anterior edición, cando recibiu preto de 48.000 euros. Completará estes recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas con outra achega de 70.000 do Plan +Provincia, coa que financiará a actuación en Chan da Barcia.
Cos recursos, o Concello de Ponte Caldelas construirá unha nova pista de pádel e adecuará a pista de tenis existente, que se atopa deteriorada polo paso do tempo. Contará cun pavimento lixado e pulido, con revestimento especial e un sistema de iluminación LED para o aire libre. A pista de pádel, de céspede artificial, será panorámica, con peche de malla electrosoldada e cristais con tratamento térmico de reforzo. “Estamos co deporte e estamos cos concellos, e esta actuación é unha boa mostra diso”, sinalou Jorge Cubela, que lembrou que “a dotación e mantemento das instalacións deportivas son moi custosos e por iso estamos facendo un esforzo excepcional nesta materia con programas como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, pero tamén pola gran demanda e uso que teñen por parte da veciñanza”. O deputado provincial lembrou que tanto este plan como o +Provincia “están sementados baixo o municipalismo que rexe todas as nosas actuacións, xa que cremos no noso labor como garantes de autonomía municipal”.
O deputado provincial lembrou que o deporte é un dos eixos prioritarios do goberno da Deputación, de xeito que “este ano temos máis recursos que nunca para o deporte”. Neste eido, Jorge Cubela sinalou os 8 millóns do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que está a permitir modernizar os equipamentos públicos dos concellos da provincia. “Temos claro o que queremos facer nesta provincia porque temos un modelo claro para o territorio”, sinalou Cubela, que se basea no obxectivo de converter Pontevedra na “provincia do deporte e o grande estadio deportivo do mundo”.