Os mozos que participan nas actividades da asociación xuvenil coñecerán os diferentes concellos da provincia
A Deputación de Ourense inicia unha nova liña de colaboración coa asociación xuvenil Amencer, coa posta en marcha do Día da Provincia de Ourense, dentro das actividades do clásico Campamento Urbano. Esta xornada, en palabras do presidente provincial, Luis Menor, permitirá “dar a coñecer a provincia á xente máis nova e axudar no labor da asociación”.
A posta en marcha do Día da Provincia de Ourense foi un dos temas que se trataron na reunión mantida polo presidente provincial, Luis Menor, co director e co coordinador da Asociación Xuvenil Amencer, Xulio César Iglesias e Xulio Vilar, respectivamente.
O Día da Provincia de Ourense consistirá nunha xornada para achegar aos nenos do campamento a diferentes concellos da provincia, co obxectivo de que coñezan en profundidade a realidade e a variedade de Ourense.
Esta nova iniciativa de colaboración súmase ao apoio continuo da Deputación a Amencer, que, en palabras de Menor, “facilita a conciliación de centos de familias da cidade e dos arredores”.
A Deputación reforza así o seu compromiso de cooperación con asociacións e entidades da provincia.