Luis Menor reuniuse con membros do Consello Regulador para estudar liñas de cooperación, que se unen ás axudas que a institución ofrece ás denominacións de orixe da provincia
A cooperación da institución ourensá permite obter información actualizada das máis de 7.000 parcelas que conforman a D.O
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu esta mañá na Deputación á presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Concepción Iglesias Pousa, acompañada polo vicepresidente e secretario do organismo, Carlos Basalo e Luis Manuel Vázquez, respectivamente.
Luis Menor puxo en valor o proxecto de dixitalización do rexistro vitivinícola na D.O Ribeiro, unha iniciativa que recibiu a axuda da Deputación e que resulta “estratéxica para o desenvolvemento da actividade nesta histórica zona”, dixo o presidente. Grazas a esta colaboración, o Consello Regulador pode obter información actualizada das máis de 7.000 parcelas que conforman a denominación de orixe.
Por outra banda, tratáronse accións de promoción realizadas ata agora en cooperación coa Deputación e que obtiveron, en palabras de Menor, “extraordinario éxito”.
A Deputación non só aposta por esta denominación de orixe, senón polo resto das existentes na provincia, tendo en conta que o sector do viño é, dixo Menor, “un área estratéxica” para o noso territorio.
Compromiso coas D.O da provincia
O presidente provincial ratificou así o compromiso de cooperación ininterrompida da Deputación coas denominacións de orixe vinícolas da provincia.
Neste sentido, a institución ourensá colabora con asiduidade en axudas para a promoción dos viños, especialmente en mercados internacionais, e noutras actividades de difusión e de organización dos viños de Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra.
No actual mandato, a Deputación colaborou con axudas por valor de máis de 200.000 euros na promoción do sector do viño na provincia.