O alcalde, concelleiros e concelleiras do goberno municipal asistiron este mediodía ao comezo dos traballos, que teñen un prazo de 12 meses
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acompañado por concelleiros e concelleiras do goberno municipal asistiu este mediodía ao inicio das obras de rehabilitación integral do Xardín do Posío, que executa o Concello. O rexedor destacou importancia desta intervención de reforma nun espazo “emblemático” da cidade, que conta cun orzamento de case 2,6 millóns de euros (IVE engadido) e un prazo de execución de 12 meses.
“É unha reforma integral pero mantendo o valor patrimonial e histórico do Xardín do Posío”, avanzou o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, quen explicou que o proxecto “é un pouco unha volta aos valores tradicionais”. Así, detallou, “substitúese o pavimento de pedra por outro de xabre estabilizado, que non acumulará o calor que acumula a pedra; refórmase a zona de xogos infantís, a do kiosko e da cafetería e auméntase un pouco a masa vexetal respectando e tendo en conta as especies coas que xa conta o parque, das que moitas son de gran valor”.
Pola súa banda, o xefe de obra Óscar Ribao relatou que as actuacións “repártense por todo o Xardín do Posío, con saneamentos novos e instalacións de abastecemento, buscando a eficiencia enerxética no alumeado, renovando a parte máis alta, onde se retirarán os xogos infantís antigos e se instalarán outros novos”. Na parte central, manifestou, “maioritariamene é cambiar o terreo, buscando esa esencia de Xardín do Posío, incorporado un solo estabilizado con xabre, con zonas de bancos e sombras para que sexa máis apetecible no verán. Mantéñense o palco e escaleiras como parte do patrimonio inicial do xardín e tamén se desenvolverán actuacións na parte inferior, a máis próxima á rúa do Progreso, coa mellora das zonas de árbores, plantas e flores.”