HomePontevedraBaixo MiñoFortalecer vínculos emocionais na era dixital con Rafa Guerrero na Semana da...

Fortalecer vínculos emocionais na era dixital con Rafa Guerrero na Semana da Educación de Tomiño

- Anuncio -spot_img

O psicólogo e experto en intelixencia emocional ofreceu unha interesante charla sobre a xestión de emocións en infancia e adolescencia nun auditorio de Goián ateigado de público

A décima edición da Semana da Educación baixa o pano este xoves 13 coa educación en positivo de Diana Jiménez. Ás 19.00 h con entrada de balde

“Somos seres sociais porque somos enormemente vulnerables”. Con esta afirmación o psicólogo clínico Rafa Guerrero daba o pistoletazo de saída a unha charla na X Semana da Educación que facía ao público reflexionar sobre como fomentar a intelixencia emocional na infancia e adolescencia. Unha intervención ante un auditorio de Goián ateigado na que as e os participantes puideron encherse a mochila de aprendizaxes sobre como acompañar a cativada e mocidade no complexo proceso de recoñecer, expresar e xestiopnar as súas emocións.

A alcaldesa, Sandra González, deu a benvida a este experto en intelixencia emocional e destacou a importancia de abordar estas temáticas na Semana da Educación. “Coñecer o funcionamento das emocións e como inflúen na aprendizaxe e no comportamento da infancia e xuventude é fundamental para educar mellor. Apostamos por poñer ferramentas ao alcance da veciñanza que axuden a crear espazos educativos máis respectuosos e comprensivos”, salientou.

Ao longo da súa intervención, Rafa Guerrero explicou que “a esencia do ser humano é a conexión emocional” e que un dos aspectos fundamentais para establecer vínculos sans é a mirada: “Mirarnos aos ollos di moito de nós, pero os dispositivos tecnolóxicos impiden esta conexión fundamental”.

O experto abordou a intelixencia emocional como unha habilidade imprescindible, incidindo en que “xa dende que nacemos sentimos emocións, pero non temos a capacidade de xestionalas, polo que somos analfabetos emocionais”. A súa proposta pasa por alfabetizar as emocións para que nenos e nenas aprendan a recoñecelas, nomealas e aceptalas, tendo en conta sempre que todas as emocións son lexítimas aínda que non todas as condutas para afrontalas son axeitadas.

Última sesión da X Semana da Educación

A X Semana da Educación do Rosal pechará esta edición con outra gran voz do panorama educativo, a psicóloga Diana Jiménez, que o xoves 13 de febreiro ofrecerá a charla ‘Cando os tempos cambian, os pais e nais aprenden’. Unha sesión centrada na disciplina positiva e no acompañamento afectivo para axudar ás familias a afrontar os novos desafíos educativos sen perder os valores esenciais.

O Concello de Tomiño convida a toda a veciñanza a participar nesta última sesión, reforzando así o seu compromiso cunha educación respectuosa, consciente e baseada na intelixencia emocional.

Publicacións Relacionadas