• A achega provincial destinarase para mellorar accesos e a seguridade viaria en varios puntos do municipio, así como tamén optimizar a rede de abastecemento na zona de Cruz.
• Con cargo ao POS complementario tamén actuarase na mellora da senda de Latas-Seixas.
• Juan Alonso Tembrás, manifestou que esta é unha oportunidade “para contar con máis recursos e poder así atender necesidades básicas da nosa veciñanza, contribuíndo a mellorar as nosas infraestruturas”.
O Concello das Somozas aprobou a pasada semana en pleno as actuacións e investimentos que serán financiadas pola Deputación da Coruña a través do Plan de Obras e Servizos (POS 2025), por valor de 438.143,98 euros.
Así, o Concello destinará esta achega provincial para mellorar accesos e a seguridade viaria en varios puntos do municipio, así como tamén optimizar a rede de abastecemento na zona de Cruz.
Estes fondos provinciais inclúen catro partidas, unha de 65.802 euros correspondente á achega provincial do ano 2024, outra correspondente á achega do 2025 cunha contía de 222.341 euros e unha partida de 55.801 euros, correspondente ao POS Complementario 2025. A achega provincial prevista na liña do POS+ 2025 complétase cunha asignación de 150.000 euros, que se destinarán a gasto corrente.
A través deste Plan, executaranse 4 proxectos que seguen a folla de ruta marcada polo goberno municipal para mellorar a calidade de vida da veciñanza e renovar e ampliar os servizos públicos do municipio.
Destinaranse 222.341 euros para a mellora da seguridade viaria no cruce do Polígono – Parañoi, así como tamén para optimizar os accesos ao lavadoiro e a mellora das pistas de Vilachave e no lugar de Cabalar (153.769 euros). Dentro desta partida tamén actuarase no abastecemento de Cabanas-Campos e Cruz (68,572 euros).
Destinarase unha partida de 65.802 euros ao proxecto de mellora do acceso de Bustabade María de Amido e, por último, actuarase na mellora da senda de Latas-Seixas, con cargo ao POS complementario (55.801 euros).
Tras aprobar o POS, o alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, manifestou que esta é unha oportunidade “para contar con máis recursos e poder así atender necesidades básicas da nosa veciñanza, contribuíndo a mellorar as nosas infraestruturas”.