O grupo amateur de teatro Denigrantes Comediantes regresa ao Auditorio Municipal do Concello de Nigrán coa súa obra teatral Te amaré hasta que te odie. Programada para o 15 de febreiro ás 19:00 h, esta representación coincide estratéxicamente co fin de semana de San Valentín para ofrecer unha alternativa provocadora ás celebracións convencionais.
A obra, estruturada como unha triloxía, disecciona a complexidade dos vínculos afectivos a través de tres actos independentes pero interconectados. Muller e filipina abre o pano cunha reinterpretación mordaz da típica frase “temos que falar”. Sopa de Colibrí formula a continuación un dilema moral que pon a proba os límites do odio e a responsabilidade. E Los enamorados y el camarero pecha ofrecendo unha ollada íntima á comunicación non verbal nas relacións románticas.
Baixo a dirección de Marien Breis e Ferran Botifoll, e con textos de Ariel Capone e Alberto San Juan, un elenco de actores locais dará vida a personaxes que navegan polas turbulentas augas do amor e o desamor cun humor afiado e unha crítica social punzante.
Nun esforzo por manter a integridade da experiencia teatral, e lograr unha atmosfera envolvente e sen interrupcións, Denigrantes Comediantes roga puntualidade e advirte de que se pecharán as portas unha vez iniciada a función. O espectáculo está recomendado para maiores de 16 anos
e contará cun intérprete de lingua de signos. A entrada será gratuíta, financiada mediante un sistema de billeteira inversa que permite ao público contribuír segundo a súa apreciación ao finalizar a función.
Con esta produción, Denigrantes Comediantes continúa avanzando con paso firme na escena teatral amateur de Galicia.
O grupo Denigrantes Comediantes está dirixido por Ferran Botifoll e Marien Breis, dous experimentados actores e profesores de teatro que elixiron Nigrán como o seu fogar na procura de tranquilidade e calidade de vida despois dunha extensa traxectoria na escena nacional.
Ferran Botifoll é coñecido polo seu papel como Aigor Cajones no icónico programa “Esta noche cruzamos el Mississippi” e a súa participación en exitosas series televisivas como “Médico de familia”, “Al salir de clase” e “Aquí no hay quien viva”, ademais de formar parte da prestixiosa compañía de teatro La Cubana.
Pola súa parte, Marien Breis deixou pegada en producións televisivas destacadas como “Genius Picasso” e “Centro médico” entre outras, e formou parte do recoñecido grupo teatral Animalario. Licenciada en Arte Dramática e especializada en Técnica Vocal e Oratoria, imparte clases de comunicación verbal, para aprender a falar en público.
Desde a Escola Municipal de Teatro de Nigrán, onde ambos foron docentes, fraguaron a idea de crear un grupo de teatro afeccionado, ao que decidiron bautizar como Denigrantes Comediantes, en homenaxe a unha antiga compañía teatral da localidade que levaba o mesmo nome.