O Concello de Narón e a Federación Española de Baile Deportivo, en colaboración co Club de Baile Deportivo Narón, volven unir forzas para traer a Narón unha proba de nivel mundial. Tras o anuncio por parte da Federación Muncial (WDSF) de querer realizar en 2025 o primeiro mundial de Hip Hop, o Concello de Narón e a Federación Española uniron forzas para presentar a súa candidatura, da que finalmente resultaron seleccionadas para realizar o devandito evento.
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente da Federación Española de Baile Deportivo, Luis Vañó, avanzaron que a proba terá lugar na cidade os días 10 e 11 de maio no Pazo da Cultura e proclamará aos campións do mundo en sete categorías (Junior Small Team, Junior Big Team, Youth Small Team, Youth Big Team, Adulto Small Team, Adulto Big Team e Megacrew).
O Concello de Narón e a Federación Española de Baile Deportivo valoran moi positivamente o feito de poder volver a traballar da man e ter a oportunidade de colaborar na organización dun evento desta magnitude. Dende a organización trasladan a todos os interesados na devandita proba que o requisito que puxo a Federación Española é participar como mínimo nunha das probas do calendario español neste 2025, previo á data do mundial.