- José González pon en valor que a firma deste marco colaborativo supón dar un paso fundamental na fiscalización independente e autónoma das medidas promovidas polo Goberno galego neste eido, analizando e contribuíndo a mellorar a súa eficiencia
- A USC encargarase da investigación aplicada, do deseño do marco metodolóxico e da elección das ferramentas máis axeitadas para este cometido, así como da súa aplicación nos diferentes informes e estudos para medir o impacto e seguimento
- González destaca a aposta da Xunta por políticas sólidas, transparentes e nacidas no diálogo social fronte á falta de compromiso do Goberno central coa negociación colectiva e coa análise do impacto en asuntos como a redución da xornada
- Para seguir potenciando o mercado laboral galego, o conselleiro lembrou as demandas realizadas ao Executivo relacionadas coa flexibilización dos fondos de formación ou a cesión das competencias na homologación de títulos estranxeiros
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe no acto de sinatura do convenio entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) —representada polo seu reitor, Antonio López— a través do cal se promoverá a realización de estudos de avaliación da eficacia das políticas activas de emprego e formación impulsadas polo Goberno galego.
En virtude deste acordo pioneiro, EconLab Galicia, con sede no Departamento de Economía Aplicada da USC, encargarase da investigación aplicada, do deseño do marco metodolóxico e da elección das ferramentas máis axeitadas para este cometido, así como da súa posterior aplicación nos diferentes informes que se establezan relacionados co impacto e seguimento destas actuacións, o que permitirá medir a súa efectividade e mellorar a planificación futura, asegurando que sexan cada vez máis efectivas e adaptadas ás necesidades e retos do mercado laboral.
José González puxo en valor que a firma deste marco colaborativo supón dar un paso fundamental na fiscalización independente, autónoma e rigorosa das medidas promovidas neste eido —analizando e contribuíndo a mellorar a súa eficiencia— no marco do compromiso da Xunta co impulso de políticas sólidas, eficaces, transparentes e fiables. Unha cuestión, sinalou, central para robuster as institucións públicas.
Ademais, o conselleiro sinalou a importancia de contar co coñecemento de profesionais cualificados e especializados en economía pública e de xerar instrumentos de análise que permitan afondar nos resultados obtidos en materia de emprego para seguir avanzando no fortalecemento do mercado laboral galego, que vén de rexistrar a cifra de paro máis baixa nun mes de xaneiro de toda a serie histórica, con 121.320 persoas, así como cun nivel de cotizantes de 1.067.089 persoas, o mellor dato nun xaneiro desde hai 16 anos.
Demandas ao Goberno central
O conselleiro de Emprego fixo fincapé tamén en que o convenio asinado hoxe permitirá avaliar a implementación de medidas estratéxicas que ten en marcha a Xunta no marco das súas competencias en materia de emprego, entre as que destacan a modernización do Servizo Público de Emprego, a aposta estratéxica por flexibilizar a formación en liña coas necesidades das empresas ou o apoio ao labor fundamental do tecido autónomo, actuacións todas elas, indicou, nacidas no seo do Diálogo Social cos principais axentes socioeconómicos da Comunidade.
A este respecto, indicou a falta deste compromiso coa negoción colectiva que está a demostrar o Goberno central en temas de gran calado como a redución da xornada laboral ou a suba do salario mínimo, impoñendo acordos que non contan nin coa análise dos seus impactos reais nin co consenso necesario para a súa posta en marcha. Así, destacou que a colaboración coa Universidade de Santiago demostra que hai outra forma de facer política de emprego, apostando polos datos, pola análise e pola planificación estratéxica. Así mesmo, demandou de novo colaboración ao Executivo nos asuntos que son da súa competencia para poder potenciar as medidas que impulsa a Xunta en materia de emprego, en eidos como a flexibilización dos fondos de formación, a cesión das competencias na homologación de títulos estranxeiros ou a consideración das microformacións como vía de arraigo para os estranxeiros en situación irregular.