— Román Rodríguez destaca que esta evolución “demostra que temos unha oferta cada vez máis axusta ás necesidades do tecido socioprodutivo”
— Pon en valor o traballo das universidades galegas na renovación das titulacións e a utilidade de ferramentas como este estudo ou o de perfís profesionais de futuro
— “A maior parte do talento que formamos en Galicia, o 74%, desenvolve a súa carreira profesional na nosa terra”, afirma o conselleiro
— Por ramas de coñecemento, lidera a inserción Enxeñaría e Arquitectura, seguida de Ciencias da Saúde, Ciencias Xurídicas e Sociais, Ciencias e Artes e Humanidades
— O salario medio deflactado é de 1.692€ e case o 31% supera os 2.000€, fronte ao 4% que cobraba esta cantidade hai dez anos
— O tempo medio para atopar emprego é de 6,5 meses e case o 75% tarda menos dun ano en logralo
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe que a inserción laboral do alumnado galego supera roza o 91%, “30 puntos máis ca hai una década, o que demostra que temos unha oferta cada vez máis adaptada ás necesidades do tecido socioprodutivo”. Fíxoo na presentación do Estudo da inserción laboral das persoas graduadas no Sistema Universitario de Galicia (SUG) no curso 2017/18, elaborado pola Axencia para a Calidade do SUG (ACSUG), o informe máis exhaustivo neste ámbito na nosa Comunidade e pioneiro en España.
Na presentación participaron tamén o presidente da ACSUG, Juan José Nieto; o director desta entidade, Eduardo López; os reitores das universidades de Santiago de Compostela, Antonio López; Vigo, Manuel Reigosa, e A Coruña, Ricardo Cao, así como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez.
O titular do departamento educativo quixo poñer en valor o labor realizado polas universidades galegas no marco do Mapa de Titulacións da Xunta, para ir adaptando progresivamente a oferta. “Levamos anos traballando da man para analizar as novas necesidades e adaptar os plans de estudos a elas, xerando novos profesionais altamente cualificados para dar resposta aos retos que van xurdindo no contexto empresarial e social máis cambiante que probablemente se teña producido nunca”, explicou.
Neste sentido, recordou que tanto o proxecto Galicia 2030: Perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias, desenvolvido pola Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) por encargo da Xunta, como este estudo periódico da ACSUG “son ferramentas moi útiles para tomar decisións e para analizar os seus resultados en variables tan importantes como a empregabilidade ou a relación directa entre o estudado e o traballo atopado”.
“O informe confirma tamén que a maior parte do talento que formamos en Galicia, o 74%, desenvolve a súa carreira profesional na nosa terra”, salientou.
Seis meses para atopar emprego
O 90,6% das persoas graduadas durante o curso 2017/18 (89,8% os homes e 91,6% para as mulleres) traballaba no momento da realización da enquisa. Isto representa un incremento de 3,5 puntos porcentuais con respecto ao estudo anterior (87%) e de case 30 puntos respecto dos egresados no curso 2007/08 (61,9%). Por ramas de coñecemento, lidera a inserción Enxeñaría e Arquitectura (96,2%), seguida de Ciencias da Saúde (95,7%), Ciencias Xurídicas e Sociais (89,6%), Ciencias (83,6%) e Artes e Humanidades (79,7%)
De media, tardaron 6,51 meses en atopar dito traballo, fronte aos 8,77 meses do estudo anterior. A este respecto, case o 75% dos egresados atopou traballo en menos dun ano. Hai unha década, o tempo medio para atopar emprego era de 5,32 meses.
As vías máis utilizadas para a busca de emprego foron internet, a presentación de forma espontánea da súa candidatura ou a través de familiares ou amizades. Practicamente a metade dos titulados (52,4%) atopan o seu primeiro emprego por algunha destas tres vías, que xa eran as máis empregadas e efectivas nos estudos anteriores.
Traballo en Galicia
A maioría das persoas graduadas, case o 74,1%, está a traballar en Galicia, o 21,6% noutra comunidade autónoma e o 4,3% fóra de España.
O 83,7% das persoas graduadas que traballan están desenvolvendo funcións de nivel universitario no seu traballo. Delas, o 85,2% realiza tarefas específicas da súa titulación. Obsérvase un aumento en ambas porcentaxes, desde o 81,7% e o 80,1%, respectivamente, do estudo anterior.
As cinco competencias máis valoradas entre as requiridas no traballo actual, segundo os egresados, son a capacidade de comunicación oral e escrita, para resolver problemas, de aprendizaxe, de traballo independente, de planificación, coordinación e organización.
Incremento do salario
O 91,8% das persoas enquisadas nesta edición do informe traballan por conta allea. No que atinxe ao salario medio, ascende a 1.691,85€ ao mes e máis do 66% dos graduados teñen un salario mensual superior a 1.500€. No caso dos titulados no curso 2007/08, o salario medio era de 1.305,01€, pero só o 22,4% superaba os 1.500€.
Os datos refírense ao salario neto mensual deflactado aplicando a variación do índice de prezos de consumo (IPC). Destaca o incremento no estrato superior da táboa salarial (2.000€ ou máis): o 30,7% dos egresados no curso 2017/18 está neste nivel, fronte ao 4,1% dos titulados no curso 2007/08.
Formación e oposicións
A maiores de traballar, os egresados manexan outras opcións. Así, o 22,4% das persoas graduadas durante o curso 2017/18 continuaba estudando no momento da realización da enquisa e o 23,8% preparaba oposicións.
No que atinxe á satisfacción co itinerario académico no Sistema Universitario de Galicia, o 87,2% dos enquisados volvería a cursar un grao, o 77,9% volvería a cursar un mestrado e o 76% volvería a facer un doutoramento.
Cómpre sinalar, ademais, que o 55,4% das persoas participantes no estudo tiña xa outra titulación universitaria rematada, a maiores da titulación pola que eran enquisadas. No 89% dos casos trátase dun título de mestrado.
Máis de 3.300 participantes
A enquisa realizouse entre xullo e agosto de 2024, aproximadamente seis anos despois de que as persoas enquisadas rematasen o grao. A mostra acadada foi de 3.356 graduados sobre unha poboación de 7.643, o que representa un 43,91% da poboación total de graduados no curso 2017/18.
Os obxectivos principais deste estudo coinciden cos dos realizados en anos anteriores: a obtención de información sobre a percepción dos titulados sobre a súa formación e a súa universidade (formación universitaria e traballos durante a titulación) e a obtención de información sobre a súa busca de emprego e situación laboral actual (acceso ao emprego, vías de busca de emprego, situación laboral actual, tempo en atopar emprego, tipo de contrato e competencias requiridas no emprego).