A actividade, de carácter gratuíto, celebrarase no CPS de San Valentín o 19 de febreiro, e está dirixida tanto a profesionais sanitarios como a coidadores e familiares
Desde a Concellaría de Benestar Social e Igualdade anímase á participación nesta iniciativa formativa
O vindeiro 19 de febreiro, ás 20.30h, o CPS de San Valentín acollerá a xornada “Ostomía e Continencia”, unha actividade organizada pola Asociación de Técnicos de Farmacia de Ferrolterra e dirixida a profesionais do ámbito sanitario, coidadores, persoal de atención sociosanitaria e familiares de persoas ostomizadas. A participación é gratuíta, se ben é necesario inscribirse previamente chamando ao 646 381 096.
A xornada abordará cuestións clave para mellorar a calidade de vida das persoas con ostomías e problemas de continencia urinaria, tratando temas como:
- Coidados das ostomías: tipos de ostomía, dispositivos dispoñibles, presentacións comerciais, accesorios e manexo axeitado dos dispositivos.
- Coidados da continencia urinaria: cateterismo intermitente, sondas de autocateterismo, colectores de ouriños masculinos e bolsas de ouriños.
Ao finalizar a sesión, abrirase unha quenda de preguntas para aclarar dúbidas e as persoas asistentes poderán desfrutar dun pequeno aperitivo.
Desde a Concellaría de Benestar Social e Igualdade anímase á participación nesta actividade, que supón unha excelente oportunidade de formación para todas aquelas persoas que teñan contacto directo con pacientes ostomizados ou con necesidades de continencia urinaria.
O presidente da Asociación de Técnicos de Farmacia de Ferrolterra, Antonio Ávila del Moral, destacou que “esta xornada é a primeira dunha serie de actividades que queremos impulsar desde Fene para mellorar a formación e a atención ás persoas con necesidades sanitarias específicas. O noso obxectivo é achegar información práctica e útil tanto a profesionais como a familiares e coidadores”.
Esta iniciativa marca o inicio dun programa de accións formativas en Ferrolterra, orientadas a mellorar a calidade de vida das persoas con necesidades sanitarias específicas e a ampliar os coñecementos de todos os axentes implicados no seu coidado.