En breve colocarase outro servizo de iguais características na Praza da Tolerancia
O Concello comezou esta semana as obras de instalación dun novo aseo autolimpiable na rúa Ribeira Sacra, no barrio de Novo Mesoiro. Trátase dunha cabina de uso mixto e totalmente accesible realizada con materiais elixidos segundo criterios de sustentabilidade e aforro enerxético. O custo deste novo servizo público é de 69.913 euros.
Así mesmo, en breve dará comezo a instalación doutro aseo de características similares na Praza da Tolerancia, no barrio de Labañou, cun custo de 75.806 euros. A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, sinalou que “o reforzo e a renovación dos aseos públicos da cidade impulsada polo Goberno de Inés Rey continuará coa conversión en aseo do quiosco de prensa que hai á beira da Casa do Sol, na Avda. Pedro Barrié de la Maza, que dará servizo á praia do Orzán”.
Este tipo de aseos facilitan o mantemento e limpeza dos aseos como espazos públicos, xa que contan cun sistema de lavado automático de chan e inodoro despois de cada uso. Este sistema actívase cando a persoa usuaria do servizo sae, accionándose co peche da porta.
Coa instalación destes dous aseos autolimpiables xa son 11 os que están ao dispor dos cidadáns. En total, a cidade contará con 60 aseos públicos dos que 27 son químicos e 31 fixos. A este respecto, cómpre lembrar que antes do verán do 2024 xa se habilitaron outros dous aseos autolavables no sector do paseo Marítimo próximo á Torre de Hércules e a praia das Lapas, así como na contorna das Lagoas, dous puntos onde na tempada estival hai un importante incremento de turistas.