O Martes de Entroido, 4 de marzo, grupos e comparsas desfilarán pola rúas novas da cidade
Mañá venres, 14 de febreiro, abre o prazo de inscrición no Desfile-Concurso de Entroido 2025 que se vai celebrar o próximo martes, 4 de marzo, festivo local en Tui.
Poderán participar grupos e comparsas que deberán presentar por sede electrónica a súa solicitude xunto coa documentación requirida até o próximo martes 18 de febreiro ás 14 h. As bases completas poden consultarse na web municipal tui.gal. O extracto das mesmas vén hoxe publicado no BOPPO. Poderán participar un máximo de 15 comparsas e 3 grupos, tendo preferencia aquelas con domicilio social en Tui.
Os grupos que desexen participar no desfile concurso deberán estar formados por entre 15 e 29 persoas, e as comparsas deberán contar cun mínimo de 30 persoas disfrazadas. O xurado, integrado por doce persoas – cidadanía, representantes de asociacións ou entidades e persoal municipal- terá en conta na súa valoración a concorrencia en canto ao número de participantes, actualidade, vestiario, parodia, coreografía, acompañamento musical e se contan con carroza.
O Desfile-Concurso comezará o martes, 4 de marzo, ás 17.30 h nun circuíto establecido polas rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. Destínanse a premios 5.400€ en 9 categoría nas categorías Xeral, Carroza, Parodia, Coreografía e Música, aos que se suman 11.400 € en concerto do importe fixo por participación que oscilarán entre os 150€ que recibirán os grupos sen carroza, aos 700€ das comparsas que participen con carroza.
O 33% dos membros tanto de grupos coma de comparsas deberán participar o domingo 9 de marzo, ás 19.30 h, no Enterro do Bacallau.