HomeA CoruñaA Xunta iniciará a próxima semana a segunda fase das obras de...

A Xunta iniciará a próxima semana a segunda fase das obras de conservación para reducir o risco de inundación no río Belelle, en Neda

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez salienta que no marco da primeira fase elimináronse 1.067 m3 de sedimentos nun tramo de 200 metros, actuación que aumentou a capacidade hidráulica desta zona, incrementando a súa resistencia ante posibles enchentes
  • Explica que este tipo de traballos permiten acadar unha xestión máis eficiente dos caudais en episodios de choiva intensa protexendo así as infraestruturas máis próximas, sobre todo as vivendas, con espazos naturais que actúan como barreiras
  • Só en 2024 Augas de Galicia interveu en preto de 500 km de ríos no marco do programa de mantemento e conservación na conca Galicia-Costa e de cara a este ano destinará máis de 2,7 M€ a realizar este tipo de labores noutros 550 km

A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, iniciará a próxima semana a segunda fase dos traballos de conservación e mantemento que está a executar nun tramo cualificado como área con risco potencial significativo de inundación (Arpsi) do río Belelle, ao seu paso por Neda.

Así o anunciou esta tarde a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita para comprobar sobre o terreo o resultado dos traballos acometidos nos últimos meses nesta mesma zona e na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Tras lembrar que no marco da primeira fase os técnicos de Augas de Galicia eliminaron 1.067 m3 de sedimentos nun tramo de río de aproximadamente 200 metros, no lugar de Camiño da Ponte Grande, a responsable autonómica explicou que grazas a esta actuación xa se logrou aumentar a capacidade hidráulica neste punto, incrementando a súa resistencia ante posibles episodios de enchentes e chuvias intensas.

Para darlle continuidade e completar estes traballos, Ángeles Vázquez explicou que xa se adxudicaron as obras correspondentes á segunda fase, coa previsión de que comecen a vindeira semana. En concreto, procederase a acometer a eliminación da estrutura dun dos azudes existentes no río e dos 50 metros de muro vertical de formigón existente na marxe dereita así como á recuperación neste tramo do seu noiro natural.

Da mesma forma, a intervención tamén inclúe o tapado dos primeiros 5 metros das canles de derivación de auga para evitar desbordamentos. Deste xeito e unha vez retirado o azud, buscarase darlle estabilidade aos taludes de forma natural mediante a plantación de vexetación de ribeira (bidueiros, freixos, etc).

Reunión coa veciñanza

En total e tendo en conta tanto os traballos de conservación fluvial e cartográficos acometidos entre 2023 e 2024 como as actuacións programadas para as vindeiras semanas, o investimento total realizado por Augas de Galicia será de 232.672 euros.

Ao respecto, Ángeles Vázquez incidiu na importancia que teñen este tipo de traballos para a poboación xa que permiten acadar unha xestión máis eficiente dos caudais en episodios de choiva intensa protexendo así as infraestruturas máis próximas, sobre todo as vivendas, con espazos naturais que actúan como barreiras e frean o avance da auga.

De feito, despois de visitar o tramo das obras, a conselleira e mais a delegada territorial desprazáronse ata o local da asociación de afectados Basteiro-Belelle para manter unha reunión con preto de medio cento de veciños da zona, que lle trasladaron que durante os episodios de chuvia intensa do pasado mes de xaneiro xa se percibiron os efectos positivos dos traballos executados por Augas de Galicia.

Así mesmo, cómpre subliñar que actuacións como as que se están a acometer en Neda se executan no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico da conca de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección, cuxo obxectivo é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias (fóra das tramas urbanas fluviais que son de responsabilidade municipal).

Só en 2024 Augas de Galicia interveu en preto de 500 quilómetros de ríos no marco deste programa e este ano ten reservados nos seus orzamentos máis de 2,7 millóns de euros a realizar este tipo de labores noutros 550 quilómetros da mesma conca.

Publicacións Relacionadas