As estancias programadas este 21 e 22 de febreiro levarán a familias de 15 concellos ao Hotel Carlos I de Silgar de Sanxenxo, ao Bienestar Moaña, ao Bahía Bayona, aos hoteis Coia e Sercotel Tres Luces de Vigo e ao Alda Carril, Alda Castelao e Pazo O Rial de Vilagarcía de Arousa
A Deputación de Pontevedra programa esta fin de semana novas saídas do programa Lecer en familia, que levarán a 159 persoas de 15 concellos da provincia a oito dos 12 establecementos hoteleiros participantes no programa. O obxectivo desta iniciativa é reforzar os lazos familiares nun ambiente de convivencia financiando estancias de fin de semana en establecementos hoteleiros, das que poden gozar familias con menores ao seu cargo e que residan na provincia de Pontevedra.
Desta maneira, 66 persoas de Cangas, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa pasarán a fin de semana no Hotel Carlos I de Silgar, en Sanxenxo; 28 de Moaña e Vigo no Hotel Pazo O Rial, en Vilagarcía; ata 19 persoas de Moraña, Silleda, Vigo, Vilagarcía e Vilanova de Arousa desfrutarán da súa estancia no Benestar Moaña; 18 persoas de Marín e Vigo farán o propio no Hotel Bahía Bayona de Baiona; 12 persoas de Nigrán e Tui desfrutarán do Alda Castelao, en Vilagarcía; 7 de Cuntis e Vigo no Alda Carril, tamén en Vilagarcía; 5 de Poio no Hotel Coia de Vigo e 4 de Pontevedra no Sercotel Tres Luces, ambos en Vigo.
En total, van participar en Lecer en Familia preto de 3.000 persoas de 52 concellos da provincia, que asistirán a 12 estabelecementos entre os que se inclúen spas, balneario, talasos e hoteis tanto de zonas rurais como urbanas. En réxime de media pensión, tamén realizarán actividades socioculturais (cunha ampla variedade a escoller asociada a cada estabelecemento) ou accederán aos circuítos termais dos que dispoñan nas súas instalacións. Ademais de potenciar a calidade de vida das familias, o programa tamén busca impulsar o sector turístico da provincia de Pontevedra.
Das preto de 3.000 prazas, 50 correspóndense cun réxime especial e son subvencionadas ao 100%. As de réxime xeral están subvencionadas con 60 € para maiores de 12 anos, 30 € para nenos de 3 a 12 anos, e ao 100% para menores de 3 anos. As estadías realizaranse en temporada baixa (entre xaneiro e marzo), con estancias dunha noite en fins de semana, períodos non lectivos ou vésperas de festivo.